Opinión

As dúas Españas demográficas

UNHA OLLADA as cores do mapa que delimita a evolución da poboación española, abonda para mostrar unha España desvertebrada, partida en dous. Unha, baldeira, con economía precaria e futuro inquietante queda sen xente. E outra que se mantén e medra.

En España, as dúas Castelas, Estremadura, Aragón e a Galicia interior teñen un grave problema demográfico. Aquí, por exemplo, o chanzo demográfico con menos integrantes despois dos nonaxenarios é o dos menores de catro anos. Este desequilibrio acabará acentuando o resto dos problemas. A poboación vaise concentrando na España costeira onde medra con forza en Andalucía, Murcia, Valencia, os dous arquipélagos, Cataluña, Cantabria.

No deserto demográfico da España interior hai unha illa rechamante, Madrid, a que máis medra en poboación e riqueza. Máis que comunidade autónoma, éche un invento artificial cun PIB que parasita parte da riqueza do resto do Estado. E Zaragoza, especie de Saturno que devora Aragón.

En España, a pirámide demográfica hai moito que non parece pirámide. En 2015 houbo 206.000 mortes e 197.000 nacementos. Se a poboación medra en trinta mil habitantes é grazas a inmigración, benvida ou non.

Os demógrafos avisan de que España envellece e o proceso agrávase pola crise que cada día abre a fenda económica entre clases sociais. España éche o país europeo que transitou máis axiña entre a equidade e a desigualdade. A crise devolveu a moitos inmigrantes aos países de orixe e expulsou a miles de rapaces titulados.

Só nos salvarán os inmigrantes. En España e en Europa. É a inmigración que traballa, crea familias, ten fillos, consume e frea o envellecemento. E iso a pesar dos populismos xenófobos e idiotas. A pesar do Brexit insolidario, do avance da extrema dereita e de países como Hungría e Polonia que incumpren puntos fundamentais do tratado da UE.

Resulta demoledor que unha España e unha Europa envellecidas constrúan valados e muros contra a inmigración cando os expertos sinalan que necesitamos millóns de persoas, sangue novo. Por iso chaman tamén a atención os intentos de fuxida dos nacionalismos que apostan pola secesión dos ricos. Afectará tamén ese dereito a decidir ao illote artificial de Madrid? Quen termará daquela do deserto interior do Estado?

O proceso de baleirado empezou hai moitas décadas. Moita xente emigrou cara ao estranxeiro, cara a Madrid, País Vasco, Cataluña onde vive toda unha provincia andaluza. Agora soan alí tambores de ruptura, caldo de bandeiras e sentimentos que semellan impoñerse ás palabras e á negociación. Hai un país en crise e uns donos de dogmas incapaces de buscar solucións políticas, de encher a fenda aberta entre clases sociais, de establecer pontes entre as dúas Españas demográficas.

Comentarios