Opinión

Dous aiatolás e 44 millóns de mulleres

Nas rúas iranís, imaxes dos dous anciáns aiatolás. Aquel Jomeini, este Jamenei, donos do poder e vixiantes desde infinitos carteis. Ollos do gran irmán, colgados en valados publicitarios e no poder ‘pola vontade de Deus’. Recordan aqueles versos de B. Brecht: «Colgado na parede teño unha talla xaponesa… / miro as avultadas venas na fronte / que revelan o esforzo que custa ser malo». Non se fala das persoas, fálase de que toda tiranía, toda ditadura revela o mal. En Irán, a autocracia dos que impoñen credo e  vontade política á cidadanía. E fálase dun país culto e urbano con case 90 millóns de habitantes. Obrigados malvivir ao marxe dos dereitos humanos e dunha vida en liberdade nunha primavera onde a democacia non acaba de agromar. Fálase dunha teocracia, incomprensible no s. XXI, que oculta á muller tras un veo de tea que, mal colocado, costou a vida e a morte incompresible de Masha Amini e unha ondada de protestas. Só a presión internacional e a diplomacia, como a que acaba de liberar á activista galega Ana Baneira, pode frear ao réxime dos aiatolas. 

Nun Irán coas mulleres invisibilizadas pola vontade masculina as rapazas érguense contra a  teocracia medieval destes anciáns crueis. «¡Mulleres, vida e liberdade!» éche o berro de protesta contra a  ditadura represora e asasina: 350 mortos, 20.000 detidos. Rapaces aforcados en público para paralizar co medo as protestas. Están a conseguilo. O cárcere de Evin, en Teherán, atestada de rapazas e rapaces detidos, descríbese agora como a «universidade». O delito, pedir  democracia e esixir liberdade. A resposta, torturas e represión. As mulleres arrincan o veo símbolo de submisión e cortan o cabelo como protesta contra a  ditadura iraní.

Na universidade de verdade non se apagan as protestas e a campaña de desobediencia civil. De momento, as alumnas non foron expulsadas das aulas como no veciño e rural Afganistán, onde o cinismo dos clérigos envía ás fillas a estudar a Pakistán.

A loita das mulleres iranís recorda o movemento polos dereitos civís en EE.UU. con outra figura icónica Rosa Parks, a muller negra que en 1955 se negou a ceder o asento no bus a un branco. Moitas décadas despois as iranís reprimidas na rúa arrincan o veo nunha forma intelixente e visible de oposición á ‘revolución’ dos aiatolás. Que traizoou ás mulleres. Que identifica o feminino co mal. Que ordena tapar as mulleres. Que as veta para seren xuízas. Que teñen menos dereitos que os homes. ¿Como pode voar un país sen a á feminina? 

Son a metade da poboación que non quere ser sometida polo poder de dous aiatolas. Afirman representar a vontade de Deus pero o único que importa é a vontade popular, masculina e feminina. Son exactamente 44 millóns de mulleres baixo a sombra opresora dos aiatolás.

Comentarios