Opinión

A directora de orquestra

Sempre temos visto homes dirixindo grandes orquestras. Von Karajan, Berns-tein, Abbado, Gardiner, López Cobos, Harnoncourt, Dudamel, Óliver Díaz, Barenboim, García Calvo, Muti, o finés tan novo K. Mäkelä.

"Dirixir non é cousa de mulleres", "Non podes ser directora de orquestra por ser muller", dicíanlle a esta lituana de 37 anos Mirga Gražinytė-Tyla. Que resulta que é directora de orquestra e das boas. Si, temos visto sempre aos donos da batuta, dirixindo. Tamén nas orquestras os homes eran, son maioría.

En 2019 Mirga foi a primeira muller en fichar polo mítico selo Deutsche Grammophon. Agora crítica e público aplauden a súa dirección da ópera ‘La pasajera’, no Teatro Real de Madrid. O relato do libreto fala da viaxe dun matrimonio nun transatlántico. De como o home cre recoñecer á muller que mandou asasinar no campo de exterminio de Auschwitz. A felicidade da parella rompe en anacos cando a historia golpea a viaxe despreocupada e feliz.

O inquietante presente tamén nos golpea. Daqueles nazis, bestas pardas contra a humanidade, aos nosos opresores cun infinito poder para causar dor e humillación. En Gaza non hai orquestras pero comprobamos no libreto da historia como descendentes de vítimas do nazismo convértense en vitimarios. En Ucraína a conta máis avultada é a que pagan os civís. Un espanto de destrución, unha guerra que nunca remata. E onde usan desde a sofisticada tecnoloxía bélica ata a fame, a máis antiga e eficaz arma de guerra. Terroristas e guerreiros compórtanse como lobos que devoran ata a fame das vítimas. Vimos de comprobalo no asasinato dos sete membros da ONG World Central Kitchen. A fame éche un crime contra a humanidade. 

Onde hai armas non agroma a música. Por iso esta muller, Mirga, esta ópera apreman a mirar o mundo dun xeito diferente. O angustioso son de voces e instrumentos obriga a nos erguer da morna comodidade. A música é sempre beleza, arte de fraternidade, un berro desgarrado de seres humanos a favor de seres humanos.

Mirga G. Tyla é directora de orquestra. Din que estamos diante dunha estrela emerxente da música clásica. Elixida con 30 anos para dirixir a Orchestra Sinfónica de Birmingham, tense convertido en punta de lanza dunha potente xeración de directores e directoras de orquestra.

Din que dirixiu a parte musical desta ópera tan complexa con enerxía e expresividade. Mirga é muller. Pertence ao 50% da humanidade de xénero feminino. A ninguén estraña xa, excepto á irredutible testosterona, ver mulleres investigadoras, ministras, científicas, xefas de goberno. Mulleres escribindo unha novela inmensa ou conducindo un tractor. Dirixindo unha empresa, unha brigada do exército ou unha gran orquestra clásica. Onde as mulleres aínda non chegan ao 50%. Chegarán cedo. Como Mirga.

Comentarios