Opinión

Dióxenes debate con Alexandro Magno

Aínda perdura a escea na memoria da historia. O guerreiro diante do filósofo que, sentado no tobo, mira ao rei macedonio, tan novo. Detrás, o exército. Berros dos soldados. Algúns, impacientes, petan coa lanza nos escudos. Burlas e balbordo. ¡Veña, Alex, hai moito que conquistar para perder o tempo co pailán este dos farrapos!

Ofrécesme o que queira. Aparta e déixame ver o sol, pide o filósofo. Quero un luxo que non podes pagar, o silencio. Dous mil trescentos anos despois segue o batifondo no ambiente. O silencio éche luxo escaso. O rebumbio mantén incandescentes pantallas e, con alarmas vermellas, as redes sociais tan necesarias, en perigo de se converter en cloacas onde esvara tanta lea, tanta furia.

Dióxenes, o Cínico, dono de nada, vivía nun tinallón. Provocador cun candil á busca de homes honestos. Señor dun anaquiño de sol, calor dos vellos, que ilumina horas de reflexión e silencio, bens preciosos en vías de extinción. Hai televisións nas que atordan os sicofantes, palabra grega que apenas se usa. Define a calumniadores profesionais pagados para silenciar aos opoñentes na asemblea dos cidadáns. Menudean nas tertulias barateiras. Atorden, berran, ningunean, non deixan falar, envolven en mentiras, ruído, falta de respecto ao outro. Ás veces salta ata os hemiciclos dos nosos representantes e os coitelos substitúen aos lazos. Neses monólogos de xordos, con argumentarios de tribo, de secta debaixo do brazo, ninguén escoita a ninguén. Nos escenarios cidadáns non se tolera tanta brocha gorda e falta de cortesía.

Territorio colonizado polos sicofantes son as redes sociais. Campo de minas. Caixón de xastre dun malestar infinito. Menudea o caos, a ira, zascas, insultos. Territorio estercado de tremendismo e desmesura. Fake news, na distopía trumpiana.

¿Onde fuxir? ¿Onde refuxiarse deste alboroto agre que envelena cada hora do día, impide escoitar ao outro e substitúe dialogar por barbarizar no sentido intransitivo: decir barbaridades?

A xente do común corre o perigo de deixarse arrastrar polo caudal de ruído das cloacas políticas, das tertulias de queroseno, das trincheiras das redes. Ou pode imitar ao filósofo que prefería a raiola de sol aos agasallos do conquistador. E camiñar despois, de vagariño, ata a biblioteca pública, templo sagrado de letras, saberes e silencios. Para acubillarse nas verdades dos libros que viaxan lonxe e chegan aos adentros. Que enfrontan a soidade do escritor coa do lector. Que activan o órgano máis lacazán: o cerebro.

Nin sequera un rei pode agasallar con tanta riqueza, co luxo de silencio que gozan os filósofos e a xente que lendo, escoitando e reflexionando aprende a pensar. Dióxenes co candil, debatindo cun rei no silencio da biblioteca, baixo a raiola do sol da sabedoría.
 

Comentarios