Opinión

Días de luxo e fame

NAS CEAS BENÉFICAS non falta o glamur e lambetadas exquisitas. E latexa o músculo do corazón. Luxo e luces para que coman os ‘negritos’ de África. E os negros das Áfricas espalladas polo mapa. As luces tamén iluminan os números. Indican, según a Fao, os mil millóns de famentos do planeta. Mostran aos vintecinco mil derrotados que morren cada día por causas relacionadas coa fame. Son indicadores que poñen en evidencia o fracaso do 1º Obxectivo do Milenio: reducir a fame no mundo. Ao final os números son magnitudes que non din nada: o bombardeo masivo de datos, noticias, titulares, é unha forma sibilina de censura.

Hai outras fames: a dos malnutridos, enfermos de obesidade incitados a comer lixo barato mentres escoitan a expertos recomendar peixe tres veces por semana, catro pezas de froita cada día. Deberan saber que os cartos non chegan. Hai quen non pode comer cada día e fai a xornada laboral sentada á porta dun supermercado. Rebuscan nos contedores contemplando o pastel dunha riqueza que permitiría comer ao dobre da poboación mundial. Pero o sistema económico non crea máis riqueza nin agranda o pastel. Iso si, permite que uns poucos se apropien cada día dunha porción maior.

Á falta de xustiza boas son as esmolas. Á falta de Estado boa é a beneficiencia. Creamos o banco de alimentos, bendita institución que tenta cada ano superar a xenerosidade do ano anterior. Porque cada ano medran máis os que carecen de comida e poñen en evidencia aos Estados que deberan garantila. A gran recollida de alimentos coincidíu coa importada festa de consumo, o black friday. Hai días así de negros. Consumismo fronte á necesidade. Excesos fronte a penuria. Malgasto fronte a fame. Afortunados fronte a romanís. Lentellas e pasta fronte ao luxo.

Hai xente rica cun corazón tenro. A pregunta é por que chegaron a ser riquísimos. Copan os primeiros lugares na lista Forbes e pagan soldos de miseria.

Saímos da crise, din. Uns poucos mellor que os moitos. Lemos que no Ibex hai 924 directivos blindados. Con obscenas cláusulas indemnizatorias ríndose do sentido común. Danse finiquitos de ouro a irresponsables responsables de xigantescos fiascos como Abengoa, bancos e caixas, Volkswagen. Despidos baratos a traballadores, indemnizacións caras a tafures.

Nas portadas aparece xente guapa co músculo do corazón reblandecido. Organizan rastrillos, maratóns benéficos, festas solidarias, ceas de luxo a favor dos famentos. Deses centos de millóns de persoas, a maioría con rostros infantís e femininos, non coñecemos o nome. Rifan un bolso exclusivo, un reloxo de marca, uns zapatos que non necesitan pero custan o soldo anual dunha familia. Comen ben. E beben moito. Brindan para que siga habendo famentos no mundo. E máis días de luxo e fame.

Comentarios