Opinión

A Declaración dos Dereitos Humanos cumpre 75 anos

Foi en decembro de 1948. Fóra, as ruínas dun mundo roto e a alfombra de ósos humanos da II Guerra Mundial. A solemne Declaración foi resposta á barbarie, aos 40 millóns de civís e 20 millóns de soldados mortos, á destrución e ao absurdo das guerras. No Prémbulo, algo emocionante: "Nós, os pobos das nacións unidas…", aposta polo valor sagrado da palabra. Hoxe sopran malos ventos para os dereitos humanos. Seguen activas varias guerras no fin do mundo. Nas portas da UE a agresión a Ucraína. E nestes días de azucre e bos desexos, o asalvaxado terrorismo contra civís xudeus e a desmesurada resposta contra o guetto de Gaza, con 2,2 millóns de seres humanos atrapados entre dous fascismos, o do Terror e o do Talión.

A Declaración é o máis parecido a unha Constitución mundial para os pobos da terra. No ano que rematou os cabalos de Atila que pisotean as democracias en amplas zonas do planeta. Entre elas, as nacións máis poboadas e moitos países pobres.

Os dereitos humanos, neste inquietante 2024 terán que cimentarse no progreso e a prosperidade acendendo luces de esperanza. No teatro do mundo a opulencia duns poucos exhíbese diante da inmensa maioría. A pobreza descarnada é incompatible cos dereitos humanos e acaba parindo odio e frustracións, ira e desesperanza. Nese caldo tóxico medran autocracias e totalitarismos. E caudillos polarizadores e populistas que alimentan con mentiras e demagoxia os fanatismos. Son os Trump e os Putin, os Orbán e Milei, os Ortegas, Dutertes e Maduros. A lista é interminable cos epígonos menores que ameazan as democracias liberais.

Despois de 75 anos a Declaración ten asignaturas pendentes. Países xigantes e continentes enteiros están infrarrepresentados. O diálogo cede diante das armas. Tamén é certo que o mundo tranformouse e enriqueceuse. A tecnoloxía e globalización melloran as vidas pero na intemperie, a inxustiza e a falta de equidade golpean a millóns de persoas. A desigualdade de xénero que afecta á metade da poboación do planeta degrada os dereitos humanos.

A Onu é gobernanza mundial feble, incapaz de frear a agresión contra os civís de Ucraína e Gaza e castigar crimes de guerra contra os inocentes. A barbarie contra o planeta, a destrución de ecosistemas, a depredación dos recursos, a rampante perda de biodiversidade, a emerxencia climática, claman polos dereitos humanos e do planeta. Os dereitos humanos son inconcibibles sen o respecto aos da natureza degradada e devastada pola cobiza dunha soa especie.

A Declaración non pode quedar nun berro desgarrador de impotencia. 75 anos despois debe apostar decididamente pola igualdade, a liberdade e a fraternidade da familia humana. Que habita unha casa con valores e principios. E dereitos humanos.


 

Comentarios