Opinión

Os Deberes tamén son Dereitos Humanos

Nos Centros de Saúde, dous carteis saúdan aos usuarios. No cartel dos Dereitos falta espazo. No dos Deberes, sobra. 9 dereitos, 4 deberes. A balanza da cidadanía anda descompensada. Acostumados á linguaxe dos Dereitos esquecemos que esta andamiaxe necesaria só poder sosterse co ferro dos deberes cidadáns.

O premio Nobel, J. Saramago presentou na Onu unha carta de deberes. Foi en 2008, cincoenta anos despois da Declaración dos Dereitos Humanos, benintencionada Constitución mundial. En simetría con ela, propoñía unha Carta Universal de Deberes das Persoas. O mundo só pode mellorar reivindicando coa mesma forza dereitos e deberes. Xente necesaria e coñecida suscribiu a iniciativa reivindicadora dunha ética da responsabilidade cívica. Nela reclámase o deber de cumprir e facer cumprir os dereitos universais. E tamén asumir responsabilidades para garantir a saúde das institucións democráticas, agasallo que a nada compromete para moitos.

Agora, nestes tempos de medo e desolación económica pola pandemia, un dos deberes propostos recorda a obriga de previr contaxios e facer un uso racional e responsable dos servizos de saúde: son moi bos, son moi caros. Outro punto salientable da Carta sinala algo ben actual: o deber dos medios e dos que navegamos polos treboentos mares das redes, de velar pola veracidade da información. Nese ecosistema prolifera o virus das mentiras mal intencionadas, disfrazadas de fake news.

Alerta tamén que de pouco serve recoñecer dereitos humanos fronte a un Estado minguante. Hoxe os centros de poder non se limitan ao servizo público senón que cada vez máis concéntranse no negocio privado: saúde, seguridade, educación. Algúns recordatorios poñen de relevo a pertinencia desta Carta de Deberes. Así, o goce responsable, solidario e non abusivo dos dereitos: non son couto privilexiado dos países ricos. A obriga de denunciar a violencia de xénero, a explotación infantil. O cancro da corrupción. O sagrado deber de conservar a natureza e protexer a biodiversidade para os netos.

Temos ben asumida a mentalidade dos dereitos. Convén agora unha sementeira de educación cívica que recorde deberes e obrigas sociais. En moitos países temos pasado polo estado de alarma, agora toca pasar polo estado da responsabilidade, que como estamos a ver suspendemos de xeito escandaloso.

A filósofa Hannah Arendt recorda o noso "dereito a ter dereitos". Pero eses dereitos non se poden confundir con privilexios, xenofobia, supremacismo, apartheid. No fogar do planeta a maioría da poboación carga no lombo cun pesado fardo de deberes mentres que os dereitos universais son monopolizados por unha inmensa minoría. Por iso a urxencia desta Carta Universal de Deberes das Persoas. Tamén son dereitos humanos.