Opinión

As cores e as paisaxes

COMO SE estivera feita con herbicidas, pesticidas, fitosanitarios, unha letal goma de borrar acaba coas cores da natureza: flores, insectos como abellas, cabaliños do demo, bolboretas. A paulatina dasaparición dos pequenos xigantes, incansables polinizadores, tamén explica que esa goma biocida borre as cores da natureza.

No inquietante libro Primavera silenciosa de R. Carson, lese que en áreas cada vez máis extensas xa non se escoita o canto dos paxaros. Un estudo recente da UE afirma que en apenas tres décadas, desapareceu o 25% das aves en Europa: case 420 millóns, sobre todo as máis comúns, ligadas ao rural: alondras, estorniños e gorrións. A abondosa soupa química ao servizo do insaciable bandullo humano está a baldeirar os campos de insectos, e con eles, de flores e paxaros. A paleta da natureza perde algunhas das cores máis rechamantes.

A fraxilidade dos polinizadores éche un robusto e moi fiable indicador da degradación dos hábitats. Aquí engadimos o descontrolado urbanismo na costa, o recurrente martirio do lume e o acelerado monocultivo do eucalipto, especie allea e pirófila. Todo iso, unido a biocidas químicos, é o responsable da disminución dun 75% das bolboretas. Estes coloristas insectos, bioindicadores da saúde dos ecosistemas están en declive nun mundo no que os humanos aínda non aprendemos a pasar de reis da creación a veciños intelixentes e solidarios.

Perdemos as cores, perdemos as paisaxes. Cargados de natureza e cultura, son os escenarios da historia humana. Temos dereito ás paisaxes como tamén o teñen os outros veciños non humanos que viven neles. Amar, coidar, respectar as paisaxes significa respectar, coidar e mesmo amarnos a nós mesmos. As paisaxes son un patrimonio global, vivo e fráxil. Son terra e xeografía chea de valores naturais, estéticos, ecolóxicos, herdanza que pertence aos fillos e non podemos malgastar.

Non estamos a facelo ben. Casos como o da mimosa que coloniza imparable o sur galego e de difícil erradicación mostra a cegueira ecolóxica. Aínda máis grave é o caso do eucalipto, monocultivo na franxa costeira que avanza imparable cara ao interior desertizado. Está a arrasar as cores e as paisaxes. Ameaza a terra, rouba a auga e minerais e a súa presión é aquí maior que onde era orixinaria.

As paisaxes sociais, as paisaxes humanas minguantes, as paisaxes económicas e naturais están fondamente entretecidas. Cando se descompensan provocan unha desfeita social, humana, económica e ecolóxica.

Que verde era Galicia! O país verde con infinitas cores verdes só vai conservar o verde sucio e grisento do eucalipto. Non temos dereito a malversar unha riqueza que non é nosa: a das cores, a das paisaxes. E chorar logo por unha beleza que só perdura no recordo. Ou esquecida nos faiados da memoria.

Comentarios