Opinión

Corazón mexicano

RICARDO ÁVILA, guatemalteco da marcha dos 1.100 centroamericanos cara ao eldorado USA, di que hai máis corazón nun mexicano que en dez políticos. Éche un máis da caravana de inmigrantes que se coce ao sol na praciña dun pobo de Chiapas.

Agora o mítico Eldorado non está nalgún rechuncho da selva colombiana ou venezolana: está moito máis arriba e segue a ser inalcanzable. No gran país do norte arrebatado ás nacións indias e a México, o presidente ameaza con soldados contra civís.

A organización Pobos sen Fronteiras ten organizado outras caravanas humanas onde atopan protección os que tentan escapar de nonpaíses. Desta volta foxen da violenta Honduras en mans da violencia, da droga e das maras. Non chegarán lonxe. A viaxe á soñada Ítaca, quedará detida en ningures, o pequeno municipio Matías Romero que acolle e alimenta a esta corda de desesperados onde tamén camiñan ata 300 nenos. Mulleres embarazadas atopan en cada bebé que nace nas sendas o motor minúsculo para seguir camiñando.

A furia tuiteira do señor presidente éche arma de destrución masiva: acaba de asasinar os soños destes 1.100 inmigrantes no lado sur do muro

86 horas a pé serviron para percorrer 422 quilómetros, tempo abondo para que o Tuitero en Xefe disparara ameazas contra os "desechables". Este home excesivo, no trono do mundo, non alberga no peito un corazón mexicano, o sístole e a diástole que leva auga e tortas de millo a esta xente que ninguén quere. Teñen dereito a vivir e buscan a vida onde poden. E sorprende que a ONU ("Nós, os pobos todos da terra…"), a OEA e o xigante do norte axuden tan pouco a estes pequenos e superpoboados países a loitar contra a corrupción, as maras, o narcotráfico, a violencia das armas que impide vivir e expulsa a xente.

A caravana dos 1.100 invisibles non chegará máis aló do pobo de Chiapas. Só os máis fortes dos máis febles acabarán petando contra o muro-con-vistas de Trump, tan permeable aos dólares e á cocaína. Droga e cartos gozan de máis protección e dereitos humanos que as persoas cando nacen pobres.

A furia tuitera do señor presidente éche arma de destrución masiva: acaba de asasinar os soños destes 1.100 inmigrantes no lado sur do muro e a 800.000 dreamers no lado norte. Enviará soldados contra civís e mesmo ameazará con pechar a billa das axudas para que Honduras, El Salvador, Nicaragua, Guatemala, afundan aínda máis. Xusto cando no outro extremo do continente, o país da xeografía imposible, Chile, con só 17 millóns de habitantes, recibíu 600.000 inmigrantes entre 2005 e 2015, e ata 150.000 haitianos entre 2015 e 2016.

Pero no norte xa non quedan billetes para o paraíso. E no Eldorado do sur, onde vai que desapareceu a última faragulla de ouro. A viaxe converteuse na roda alucinada onde xiran incansables hámsteres humanos. Se poden seguir vivos é grazas ás tortas de millo e á auga que bombea o corazón mexicano. Así de pobre. Así de rico.

Comentarios