Opinión

A Coral "Cantar delas", de aniversario

AS CORES da realidade dependen de onde enfoquen as cámaras. Ou de que berros e voces amplifican os altofalantes da actualidade. Daquela podemos estar nas portas do Armagedón ou do diluvio universal. Non é así. Ás ves ocorren pequenos milagres. Grandes milagres. Cando a beleza imponse á furia. Cando a música apacigua o ruído.

Ocorreu aquí, en Lugo, o sábado pasado á tardiña. Na caixa máxica de pedra da igrexa de San Pedro. A Coral feminina Cantar delas celebraba o décimo aniversario. Un enorme agasallo. Unha mestura equilibrada de pezas ben escollidas. Estes milagres ocorren máis a miúdo do que cremos. Cousiñas así, fan máis grande a cidade.

No repertorio, pezas emblemáticas da música clásica, da música galega, da música actual. Toda ela, música de culto nestas voces de cristal ben traballado, coa súa dose de técnica, arte e traballo pola batuta sabia dun director ben presente nas corais de Lugo.

Graciñas sexan dadas á Euterpe, a moi pracenteira musa da música: a igrexa de san Pedro estaba chea. Sabido é que o inferno dos músicos éche un auditorio semibaldeiro. Faltaban, claro, os "sospeitosos" habituais. Universitarios que semellan vivir de costas á vida da cidade. A rapazada dos conservatorios e das escolas de música. A demografía tamén pasa factura á vida cultural e social da cidade.

Pero desta volta quedamos coas boas noticias. Co X Aniversario de Cantar delas. Con dez anos de vida e máis de cen concertos. Un sopro de aire fresco, de beleza pura e limpa varrendo o ruído e a furia, a suciedade que por veces ameaza con asolagarnos. Nese vento, por onde viaxa a música, soan mellor, moitísimo mellor Haendel e Bach, Pergolesi, Caccini e Offenbach, Rivas e Batallán.

Fóra, o frío e a chuvia e a escuridade. Dentro a quentura das voces, o puro ouro destas pezas corais. Música a favor. Música contra o feísmo. Cancións a favor da vertebración e da igualdade. Música imprescindible para facer máis transitables os camiños dunha cultura para todas, para todos.

Cómpre, claro, recoñecer a figura de Fernando Gómez Jácome, o noso Midas lugués que transmuta en ouro de moitos quilates todo o que toca, todo o que dirixe. E como non recordar e agradecer tamén a figura dun dos seus impulsores, Julio Méndez, o que fora presidente de Cantar delas desde setembro de 2007.

Está a soar agora O niño novo do vento, a fermosísima canción de L.E. Batallán. Álvaro Cunqueiro desexa, desde cada verso, para o galego, para Galicia, para a música mil primaveras máis. É o que desexamos aplaudindo a esta coral de mulleres. Mil primaveras enchendo coas cores femininas as necesarias pradarías sociais da música. Que as súas voces non se apaguen nunca. Que sexan interminables os aniversarios da coral Cantar delas.

Comentarios