miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Comida, política e boas intencións

Xente que sabe aconsella consumir cada día varias pezas de fruta e racións de verduras. Gasto notable para unha familia de catro membros. En EE.UU, vemos ás veces masas humanas bambeantes máis cerca dos douscentos quilos que dos setenta, saír do centro comercial con carros xigantes de comida barata. Mala para a saúde abonda en azucre e graxas mediocres. Comida procesada. Se mercaran comida saudable encherían unha parte ínfima do carro.

Aquí producimos comida saudable, froitas, verduras, peixe, carne de calidade a prezo barato, apenas rendible para gandeiros, pescadores, labregos. E algo aberrante: un litro de auga custa máis que un de leite. O prezo multiplícase nas inextricables corredoiras da gran distribución que está en poucas mans. Alí a ganancia multiplícase por cinco, oito, dez. E chega ao carriño da compra a prezos prohibitivos para millóns de familias.

Moitas acaban na cola nos bancos de alimentos.

"¡Ata coas cousas de comer fan política!", acusan despistados interesados. Éche boa verdade: o tema da comida é nidiamente político. Que llo pregunten ao benintencionado ministro de consumo que pisa todos os charcos. De como os bulos terxiversan as súas palabras cando sinala que hai que comer carne, pero reducindo o consumo porque o planeta de todos non soporta o bandullo de poucos. Ou de como defende a gandeiría extensiva, maioritaria en Galicia, ecolóxicamente respectuosa e sostible para o medio, pegada ao territorio e aos pequenos gandeiros. Critica a gandeiría intensiva, a das macrogranxas perigosas para os ecosistemas que terman da vida. Aínda que inconsciencia e cobiza devoren o planeta. Aquí, xaora!, si colle a política.

O tema da comida, nutrición e bos hábitos, sempre acaba na escola. E a educación viaria. E a sexual. E as múltiples drogadiccións, desde as noites de viño e rosas dos botellóns ás pantallas. E o respecto ao diferente, o machismo, a xenofobia. Benqueridas mestras, escolas coa avultada mochila do currículo escolar onde, se sobra tempo, haberá que dedicalo a aprender linguas para comunicar, non para odiar. Un pouco de historia mirarse nos espellos da familia humana. Cousiñas de física e química. Aprender a falar, a escribir sen extraviarse polas corredoiras da gramática. As catro regras para saber canto costan cinco pezas de froita diarias para cada membro da familia. E filosofía, arte, música que nos fan máis humanos, para non crear mostros con cerebro xigante e corazón diminuto.

Co bandullo rezamos polo pan noso de cada día. A comida como alicerce das políticas máis humanas. Falamos da multiplicación dos panes e dos peixes alí onde a especulación multiplica os prezos. Do viño e da carne, das froitas e verduras veciñas da oikonomía das familias. E tan lonxe das boas intencións.

Comida, política e boas intencións
Comentarios