Opinión

O coitelo dos fanáticos

Trinta e tres anos no corredor da morte pola fatua dictada por un clérigo. Por publicar o libro Versos satánicos, insultante para o islamismo máis reaccionario. Salman Rushdie.

A liberdade de expresión, só posible nas democracias laicas, é inconcibible nunha teocracia. Onde as verdades son absolutas. Onde non colle a dúbida razoable nin a curiosidade e o escepticismo. Ler é perigoso e os libros son armas de destrución masiva de silencios, medos e fanatismos.

Aterroriza ler que os medios iraníes aplauden a acción dun individuo abducido por un credo escuro e sectario. Con seguridade non representa o mellor islamismo. Culpar ao agredido, como fan as reaccionarias autoridades iraníes supón un regreso ao corazón das tebras.

Véxase o que pasa no veciño Afganistán. Non estraña que a xente tente fuxir do inferno de tiranías relixiosas, corrupción política, pobreza e crueldade dos que impoñen dogmas á xente e amordazan con medo a liberdade de expresión.

O coitelo que atacou a Rushdie non pode silenciar a liberdade de pensar, escribir, ler. Libros e bibliotecas son lugar sagrado contra odios, mentiras e fanatismos. 

Por iso a queima de libros polos nazis en Berlín e outras 21 cidades universitarias en 1933. Profesores e estudantes envelenados de nacionalsocialismo, botaron ás fogueiras libros de autores ‘perigosos’, xudeus, marxistas, pacifistas. Pasou con Roberto Saviano, condenado a morte pola mafia por desvelar os negocios sucios na novela Sodoma e Gomorra. Ocorre con Naguib Mahfuz, Nobel de Literatura, acoitelado por dous yihadistas. Ou con Sergio Ramírez e Ernesto Cardenal, perseguidos pola estraña parella exsandinista que tiraniza Nicaragua. Aconteceu no seu tempo con Lutero ou Frei Luis de León. Ou coa poderosa maquinaria da Inquisición e o Índice de Libros Prohibidos. Aquí Eta silenciaba cun tiro na caluga a xornalistas e escritores que se enfrontaban a  dogmas racistas e identitarios. Ou na revista satírica Charlie Hebdo: 12 mortos e 11 feridos por unhas viñetas sobre o profeta.

Ocorre cos dogmatismos. Os posuidores da verdade sinalan e ameazan, e outros asasinan aos que escriben e opinan. A fin de contas os fanatismos temen e odian a verdade. A fatua cruel sinalou a Rushdie. Seguindo o dedo acusador, babecos fanatizados, aterrorizan a editores e libreiros, tradutores, xornalistas e novelistas. O terror, os medos, a crueldade, a miseria, os silencios impostos por teocracias absurdas en pleno s. XXI obrigan a apostar con contundencia polas democracias liberais, laicas, respectuosas coas liberdades individuais.

Ao fin, o coitelo do pobre fanático quitounos as cataratas que impiden ver a luz. Acirra a curiosidade, a heterodoxia, o doce sabor do prohibido. Como os libros de Salman Rushdie, un dos nosos.

Comentarios