Opinión

Clasismo privado con fondos públicos

EN España hai centros públicos, privados e un híbrido, os concertados: centros privados pagados con cartos públicos. Un sector de nais, pais e organizacións sociais pontifican sobre o dereito a escoller centro de acordo cos propios valores e conviccións relixiosas.

O profesor Emilio Lledó, filósofo e premio Príncipe de Asturias di que «a liberdade de elección é enganosa, unha falacia reaccionaria fomentada polos que se saben elixidos e poden pagar a súa elección. O grandes países europeos basearon o seu indiscutible poderío intelectual no fomento dunha ensinanza coidada polo Estado».

Non existe o dereito a elexir centro de acordo con non sei que valores. Todos deben respectar os valores democráticos, a Constitución e os dereitos humanos. Máis aló diso queda o desexo indisimulado de defender privilexios privados pagados con cartos públicos. E de expulsar dos colexios concertados aos fillos de familias desestructuradas, alumnos problemáticos, minorías étnicas e inmigrantes.

Detrás da falacia da linguaxe de valores, liberdade, dereitos, agáchase a insolidariedade, a xenofobia, e nalgúns casos de colexios elitistas, o apartheid sexual e relixioso.

Como síntoma do que está a pasar, docentes de Vitoria-Gasteiz denuncian os guetos dos colexios públicos fronte ao clasismo dos concertados. E o fondo desequilibrio á hora de integrar inmigrantes. Centros que colocan rechamantes valores, e mesmo principios evanxélicos, no ideario educativo terían que facer autocrítica ante a evidencia de que son os colexios públicos os que acollen de forma maioritaria á poboación desfavorecida, sobre todo estranxeira. Mentres que a red concertada converteuse en refuxio das familias autóctonas de clase media alta. Denuncian que as familias que proclaman o dereito a escoller centro según os seus ‘valores’, rexeitan frontalmente a matriculación de inmigrantes nestes centros privilexiados.

Non hai sociedade cohesionada sen integración. O Estado terá que impedir a guetización nos centros públicos e o elitismo nos concertados. O que sucede en Vitoria pasa no resto de España. Alí, en vinte colexios públicos hai aulas con máis do 30% de inmigrantes. En catro deles o alumnado estranxeiro é o 80% cando o barrio con máis inmigración non supera o 18%. A segregación nos centros concertados impide a integración nos públicos. Os guetos son testemuña contra os valores proclamados.

Hai que dotar con máis recursos económicos e humanos ás escolas con alumnado desfavorecido: nada hai tan inxusto como tratar igual ás vítimas das desigualdades. Hoxe, os centros públicos visualizan mellor a defensa dos valores humanos, os dereitos dos nenos e o rexeitamento de todo clasismo. Sobre todo o clasismo pagado con cartos públicos.

Comentarios