Opinión

A ciencia nas pancartas

CLAMOR É planetario. Reivindican o valor da ciencia nas marchas. De Londres a Berlín. De Madrid a Nueva York. De Bogotá a Copenhague. Así, ata 600 cidades.

Convencidos e loitadores, tentan convencer á sociedade que sen ciencia non hai futuro. Que as inversións raquíticas producen cerebros raquíticos. Que a xibarización das inversións en investigación acaban xibarizando, adormecendo, embrutecendo aos países. Que os dogmas non poden substituir ás evidencias científicas.

Aquí, o panem et circenses do fútbol, a peor televisión e a información domeñada impide ver que entre 2010 e 2016 España perdeu 10.000 investigadores e 20.000 empresas innovadoras. Expulsando a milleiros de titulados, malgastamos o principal xacemento de riqueza: o cerebro humano.

Pancartas como disparos ao corazón. A ciencia fai grande a América e non o matonismo e a xenofobia dun bufón excesivo. Non é posible que a chegada ao trono do imperio dun tal Trump poña en perigo ducias de investigacións médicas e de protección medioambiental. Ou que se rodee de negacionistas do cambio climático: Non hai un planeta B, avisa outra pancarta. En Amsterdam florecía a mellor Holanda, recuperada do susto dun tal Geert Wilders: O lugar da muller é o laboratorio pois casa, nenos, cama e cociña son lugares compartidos. En Londres as pancartas botaban auga sobre o ardor guerreiro en alza nas bolsas: Menos invasións e máis ecuacións.

Tamén aquí os científicos reclamaron inversións. España é este país turbio, patio de Monipodio onde toda corrupción político económica é posible. Por iso marcharon en contra das políticas anticiencia, inversións raquíticas e recortes. Clama ao ceo que o país dedique cantidades obscenas a estrelas de fútbol, 87,5 millóns anuais a Ronaldo, 76,5 a Messi, mentres un heroico equipo de investigadores en Compostela considera un milagro conseguir medio millón en donacións para seguir coas investigacións sobre cancro e biopsia líquida. Nin exilio nin escravitude: non a precariedade. E recordan que Hai cartos para investigar, pero están en Suiza, ou nos petos de bandidos como vemos en Madrid, en Cataluña, Baleares, Andalucía, Murcia, Valencia: pandemia que se estendeu polo país.

Hai que reivindicar o evidente ante os gobernos: a importancia da ciencia, esencial para a democracia e a liberdade, alicerce do desenvolvemento económico e social do país, cunha clara vocación de servizo público máis aló do negocio e da cobiza privada. Por iso hai que apostar pola investigación e a educación científica de vangarda.

O cerebro humano éche a ferramenta máis poderosa… e preguiceira. Nela están as portas do coñecemento, abertas ao futuro ou pechadas para negalo. Por iso as reivindicacións da ciencia, escritas nas pancartas, berran nas rúas.

Comentarios