Opinión

A cidade colonizada polos coches

PASA EN Nova York, según recente informe. Tamén en Madrid, embigo e burato negro das economías e demografías das Españas. En Lugo, en calquera vila ou cidade. O 51,4% do espazo público vén sendo ocupado por vehículos en movemento. Outro 24,8%, por aparcamentos de coches. As beirarrúas o 22,7%, aínda que ás veces aprópianse delas coches mal aparcados ou patinetes asilvestrados. O 0,96% son carrís-bici e rúas peonís. É dicir, máis das tres cuartas partes do espazo público é monopolio dos coches.

E iso que, desde hai 9000 anos, a cidade éche o mellor invento de vida e convivencia nas sociedades humanas. Tanto que, na Baixa Idade Media, quen escapaba da sombra ominosa do poder feudal e podía refuxiarse na cidade exclamaba: "¡O ar da cidade fainos libres!". Sendo alí difícil e azarosa a vida, coas súas miserias e falta de salubridade, era preferible a vivir baixo a sombra opresora de señores, nobres e abades, praga de langosta sobre vidas e traballos de súbditos, escravos e servos.

Pero agora, aquel aire que nos facía libres na cidade está envelenado por malos fumes, contaminado  polo ruído e a furia motorizada, ameazado polo perigo dos coches. Con frecuencia lemos a noticia de ciclistas e viandantes atropelados por ese arma sobre rodas que fire ou mata, ás veces impunemente.

A fotografía máis recente é a da tiranía e o matonismo do coche privado sobre espazos que son propiedade inextinguible de cidadás e cidadáns, nenos e avoas, nenas que xogan e xubilados que falan. De xente que vive andando e convivindo. Co permiso dos coches.

Dáse o paradoxo de as entradas e saídas dos colexios paraliza a cidade catro veces ao día, pola abrumadora presenza de coches levando no colo ao alumnado a escolas e institutos. Mal negocio nunha sociedade miope cunha porcentaxe notable de obesidade na xente nova que non sabe ir andando ao colexio cada día e todos os días. Pais e nais despistados poñen en perigo aos fillos cos coches e coas présas, mal aparcados, ou en segunda fila permitida por autoridades aínda máis despistadas.

Nun planeta que non soporta un gramo máis de CO2 na delgada capa da biosfera, os coches campan pola súa conta nos espazos urbanos e envelenan con gases de efecto invernadoiro a cidade agobiada. Os gobernantes municipais, os máis próximos, saben que a saúde da cidade está en relación inversa á presenza de coches nas rúas. A calma, o silencio, o sosego, a seguridade que demanda a vida é ameazada pola velocidade, volume, malos fumes, o ruxido dos coches. Ata políticos afeitos ao coche oficial, saben da importancia de baixar a velocidade, de expulsar o ruído, a furia e as présas da cidade. Urxe un proceso masivo de descolonización de coches. Na cidade. Onde se poida vivir e convivir andando.
 

Comentarios