Opinión

Chuvia na Carballeira de Fingoi

UNHAS MANCHAS DE carballos na cidade. Tan vellos que merecen unha protección que non teñen. A Carballeira éche unha xoia desprezada: nos últimos anos perdeu os penúltimos castiros. Ducias de carballos están enfermos e non parece que se vaian repoñer.

Abríndose paso entre as cores douradas do outono chega a chuvia que meteorólogos despistados insisten en identificar co mal tempo. Estes días, na Carballeira, a sección de percusión é a protagonista. Grosas pingas inventando ritmos na alfombra de follas.

Días atrás choveron landras, unha colleita que case non aproveita a ninguén. Antes recollíase ata a última, agasallo para mellorar a carne do porco, animal totémico que alimentou esta terra. Agora alimentan aos xabarís. Expulsado dun monte colonizado polo eucalipto, o porco bravo acércase ás vilas. As súas pegadas son visibles nas carballeiras de Montirón, nas pradarías do Rato que agora tentan iluminar como se os ritmos da natureza non precisaran da escuridade. Empurrados pola fame déixanse ver nas rúas, ás veces polo día. E as autoridades permiten a cazadores enfrontarse ao finísimo oído e olfacto deste animal que esqueceu a querencia da noite. Daquela non deberían tomar medidas para frear ao depredador máis daniño, o bípede humano?

A Carballeira de Fingoi vístese estes días coa capa ocre das follas que morren, co verde apagado das que aínda non caeron. O planeta degradado fai que estas árbores sabias dubiden á hora de espirse e durmir. As mesmas dúbidas tiveron na primavera que non parecía primavera.

Árbores vellas e fortes, con memoria do clima, cheas de estrés ante cambios que lles impiden descansar no inverno. Pero ata no inverno a Carballeira de Fingoi expón esculturas cheas de formas torturadas. Un xogo infinito de ocos e sombras, de vida e ramas mortas, de brazos tendidos ao ceo e corpos aferrados á terra, vencidos polo tempo e o maltrato.

O frío sempre protexeu a estes xigantes. Agora, apenas caen as últimas follas brotan as primeiras desbaratando o ciclo das estacións. As árbores envellecen axiña, as altas temperaturas manteñen activos os insectos e fai que proliferen os fungos ata provocar a morte destas árbores que regalan todo a cambio de nada.

Cando se inicie o ciclo da vida, a Carballeira soportará o ruido, as agresións, a suciedade, a alfombra de plásticos e ron Negrita dun macrobotellón para o que non se atopa vacina. Agora, cada fin de semana contempla a xabarís bípedes que tiveron a fortuna de estudar pero non aprenderon a convivir harmónicamente cos outros seres vivos.

O tempo camiña da man do ciclo da vida. Volverá a primavera e as vellas árbores agromarán coas cores máis limpas: o verde máis verde de todos os verdes vernizado pola chuvia. Na Carballeira de Fingoi.

Comentarios