Opinión

Cando Shuggie Bain se chamaba Oliver Twist

Oliver Twist’, 1837. ‘Historia de Shuggie Bain’, 1980. Da novela de Dickens á de Douglas Stuart. Ou a baixada ao inferno neoliberal que tivo como profetas á Dama de Ferro e ao actor secundario que chegou a presidente USA.

Velaquí a historia dun cativo de once anos que tenta sobrevivir no Glasgow dos 80. Barrios devastados pola desindustrialización, pobreza, po de carbón e néboa. Siderurxia, minas e asteleiros pechados. Cidade ferida pola crise industrial. Tsunami económico multiplicado polas políticas thatcheristas. Cunha clase obreira aplastada e sen futuro, sobrevivindo nun brutal extrarradio de bloques grises.

Nese submundo, abandonada polo pai, a familia Bain. Ao final, quedan Shuggie e Agnes, a nai. Esta muller sen sorte vai ser o epicentro de todas as tormentas agarrada ao efémero salvavidas do alcohol, o único a man para tantos náufragos. O outro apoio e Shuggie, rexeitado pola súa condición sexual. Atrapado entre a nai alcohólica á que adora e o ambente de cascallos sociais, machismo, homofobia e violencia. Vítimas do desmantelamento do tecido industrial que expulsou á intemperie a comunidades, antes cohesionadas, fóra do estado do benestar. Ser neno é tarefa difícil tentando salvar á nai nun mundo de quenllas. 

Dura, estremecedora, chea de compaixón polos personaxes que gravitan ao redor de Shuggie e de Agnes, disecciona paisaxes urbanas e sociais cunha precisión, beleza e amargura case autobiográficas. A novela do amor do fillo pola nai vaise convertendo nun alegato político. Unha historia de tenrura que transcorre nun ecosistema social que afunde aos máis febles. Un relato de clase social, identidade de xénero, violencia familiar. Coa aspiración a unha vida mellor, a saír do barrio que estigmatiza. O carácter de clase asoma nunha cidade dividida pola fenda económica e cultural de odios e receos entre católicos e protestantes. Coa bandeira banal do fútbol: Rangers e Celtic.

As desapiadadas políticas que afundiron a próspera cidade mineira deixaron beirarrúas negras de carbón. Por elas deambulan os derrotados á espera da esmola da axuda semanal que alonga a agonía.

A familia de Shuggie éche unha máis. A nai é, era unha fermosa muller chea de soños, á procura dunha casa, dunhas faragullas de benestar. Abandonada polo home na rateira dun barrio inhóspito. Pero a ‘Historia de Shuggie Bain’ é, sobre todo, un canto á quentura humana no medio do afundimento da pobreza, a soidade, a frustración. Tamén ao amor inquebrantable de Shuggie que non abonda para salvar á nai. Cando os donos do poder e do diñeiro tentan e conseguen, antes e agora anchear a fenda das desigualdades e destruír a urdida humana das sociedades, Oliver Twist chámase Shuggie Bain.

Comentarios