jueves. 25.02.2021 |
El tiempo
jueves. 25.02.2021
El tiempo

Unha canción contra o racismo

Ao fin, a rapaza branca Mary Ball declarou que non fora violada. Pero os dous rapaces negros xa colgaban, estrañas froitas, das pólas da árbore. Strange fruit

A foto inspiradora de versos e música aínda está nas redes: o linchamento dos rapaces na racista Indiana de 1930. Tamén a viu o profesor A. Meeropol. A imaxe de Thomas Shipp e Abram Smith abrigaríalle a poñer en notas e versos tanta dor. 

Non se trata dunha vella historia de cor sepia na terra de Dixie. A metástase do racismo e o supremacismo chega ata hoxe. O poema só ten tres estrofas e a canción dura 3,05’. Mellor canción do século XX, para a revista Times. No repertorio de moitos cantantes, a primeira e máis estremecedora interpretación foi a de Billie Holiday. Acabou vomitando pola tensión emocional. As luces apagadas nun silencio absoluto. Ao fin, obra de arte contra os linchamentos nos estados sureños e a prol dos dereitos civís. Strange fruit, negras e negros pendurando das árbores como froitas amargas, lonxe do irreal e bucólico sur de Lo que el viento se llevó. A segunda estrofa retrata a dicotomía: "Escena pastoral del valiente sur/Los ojos saltones y la boca retorcida/Aroma de las magnolias, dulce e fresco/y el repentino olor a carne quemada". 

O linchamento dos rapaces de Marion non foi anécdota illada: 3.833 persoas foron linchadas desde 1889. O amargo legado da colleita de carne humana late no espanto da canción poñendo baixo os focos o tema irresolto nos EE.UU., o racismo. Aínda máis evidente desde o pesadelo do paso polo poder de Trump dando folgos a faccións reaccionarias e supremacistas. Linchamentos racistas antes, brutalidade policial agora e un sistema xudicial daltónico acabou por desatar a ira en movementos como Black Matter Lives. 

A historia do racismo, pecado orixinal USA, traspasa fronteiras. E se na década dos 30 a maioría branca non condenaba os linchamentos racistas, ese ominoso silencio chega ata a civilizada Europa coa súa lenda negra de colonialismo antes, de inmigración agora. 

Strange fruit, himno onde música e versos son armas da xente. Bandeira dos oprimidos, dos derrotados. Altofalante de silenciados e esquecidos. Dos que precisan da cor da música, da quentura dos versos para enfrontar tanta dor. Himno contra a represión. Versos contra os apartheids, voces humanas como estandarte da liberdade. 

"De los árboles del sur cuelga unha extraña fruta/Sangre en las hojas y sangre en la raíz. Cuerpos negros balanceándose en la brisa sureña/Extraña fruta cuelga de los árboles". 

Aquel racismo, tantas veces evidente, outras soterrado en dous séculos e medio de historia no xigante americano, chega ata hoxe. En EE.UU., tamén fóra. A vacina son os ollos abertos. E un pouco de música, unha presada de versos contra o racismo.

Unha canción contra o racismo
Comentarios