Opinión

A camiseta de Messi en Sudán do Sur

SUDÁN DO Sur éche o país máis novo. Naceu en 2011. Dez millóns de habitantes nun territorio maior que España e coa maldición dos pobres: petróleo. Soporta pragas e sequías pero o máis letal é a acción humana. Guerra civil no país máis pobre do mundo. E un exército alcoholizado que non cobra desde hai meses pero ten permiso para saquear, violar e matar. Perden os máis febles: decenas de miles de nenos vivindo no limbo entre a vida e a morte. Agora máis de cen mil morren coa fame e outro millón caerá nese pozo se a axuda internacional non o remedia. Para xullo, outros 5,5 millóns estarán ameazados.

Como a poboación é negra, non se ve. Pasou en Ruanda en 1994. Agora en Sudán do Sur, estado fallido vomitando refuxiados en países veciños á espera de petar nas portas de Europa.

As catástrofes humanitarias revelan un mundo roto onde os máis ricos reclaman e conseguen o dereito a decidir sobre o seu futuro, que non é o da familia humana. Iso parécese demasiado ao dereito á secesión que practican obscenamente para o diñeiro en paraísos fiscais e mansións en lugares exclusivos, para as súas familias e os estudos dos fillos. Eses modos indecentes de vida nin de lonxe son deste mundo, nin de ningún mundo con estatura humana se o miramos desde Sudán do Sur. Alí, a guerra civil entre as principais etnias do país está a levantar un muro de odio deixando sen medios de subsistencia á xente. E xa se sabe que nas guerras incivís, os civís poñen as vítimas.

Tempo de muros. Sempre estiveron aí. Á ilusión planetaria da caída do Telón de Aceiro en Berlín sucede agora unha primavera tóxica de valados co bufón excesivo no trono do poder do país máis poderoso do mundo: velaí outro campión da secesión entre pobres e ricos de América.

En Sudán do Sur tres anos de guerra alimentan un conflito fóra de control. A FAO lanza sacos de arroz que ONGs tentan repartir sen conseguilo polo bloqueo do exército que usa a fame como letal e efectiva arma de limpeza étnica.

A solución non son sacos de arroz caídos do ceo. Son os grandes países. É a Onu: "Nós, os pobos todos da terra..." os que teñen que atopar solucións xustas e duradeiras para que guerras de pobres non sigan mantendo economías de países ricos.

En Sudán do Sur a guerra civil arrasa centos de miles de hectáreas de cultivo, prohíbe o acceso a auga potable, queima casas, mata animais e impide a fuxida de millóns de persoas. Non hai servizos sanitarios nin protección civil onde agarrarse á vida. O que se produce acaba nas mans dos guerreiros que rouban, comen e malgastan.

Un neno, na foto do xornal, mira como se posa no chan unha bandada de sacos de arroz que un avión lanza sobre os famentos pero acapara o exército. Está de costas e leva unha camiseta de Messi.

Comentarios