Opinión

Bombas contra nenas afganas

Ata 85 morreron rebentadas pola pólvora de canallas envelenados con dogmas. Un coche bomba contra o inimigo: unha escola. Nunca saberemos o número de nenas mortas, feridas, amputadas, rotas. Tristísima ofrenda a deuses sombríos no xigantesco altar do negocio da guerra.

Un ataque máis do fanatizado Estado Islámico contra un barrio pobre de Kabul, habitado pola minoría hazara: apóstatas para os donos do credo único. Hospitais, bibliotecas e centros educativos están no punto de mira dos ataques islamistas. En outubro pasado, o obxectivo de guerra deixou 24 mortos e 57 feridos noutra escola. Hai un ano, no mesmo barrio herexe, unha maternidade onde se agachaban feroces inimigos: mulleres embarazadas e recén nados.

Na traxedia interminable de Afganistán, ao final só os mortos viron o final da guerra que continúa masacrando aos vivos. Porque co anuncio de EE.UU. de abandonar o país vinte anos despois dos atentados do 11 de Setembro, o temor é que se reavive a incivil guerra civil.

Que está a pasar en Afganistán? Atácase aos infieis, aos diferentes, neste caso a inimigos perigosos, libros, escolas, cultura nas mans equivocadas: nenas que soportan o horror. Un ataque ao futuro do país. Tan grande é a barbarie que ata os fanáticos tentan afastarse culpando culpar a outros.

As grandes potencias, invitados habituais, sinálanse. Rusia acusa a EE.UU. de acirrar aos fanáticos islamistas co anuncio da retirada de Afganistán. En Moscú xa esqueceron aos miles de rapaces enviados ao matadoiro afgano pola xerontocracia da decrépita URSS. A premio Nobel Svetlana Alexievich, nun relato estremecedor conta como moitos daqueles soldados volveron a Rusia en brillantes ataúdes de zinc. E seguramente en Washington non queren lembrar como armaron ata os dentes aos talibáns contra os soviéticos.

As guerras da fin do mundo só importan cando tocan aos dólares e rublos da carteira e nada a cambio. A fin de contas máis aló do carísimo negocio das multinacionais das armas, os civís son os que poñen exilios, casas derrubadas e mortos. Como as nenas do barrio pobre de Dasht-e-Barchi que tenta sobrevivir ao horror.

A esquecida guerra afgano-soviética entre os anos 1978-1992 e as que seguiron, as máis custosas da historia, de nada serviron. Hai temor a outro conflito que xa coñece aos perdedores. "Ya cayeron las bombas. Ahora estamos esperando las ayudas", sinala El Roto.

Desde Alejandro Magno Afganistán éche unha guerra interminable onde sempre perden os mesmos, como estas 85 nenas. Como non son europeas nin estadounidenses, ninguén sabe os nomes nin coñece os rostros. En poucos días quedarán esquecidas baixo o po afgano ou polo horror dunha bomba contra outra maternidade, outra escola, contra os pupitres desadornados de nenas. Afganas.

Comentarios