Lunes. 15.10.2018 |
El tiempo
Lunes. 15.10.2018
El tiempo

Barenboim, batuta sen fronteiras

ESCRIBES Barenboim no buscador e pola pantalla pasan as mellores orquestras, doutorados honoris causa e distincións do pianista e director de orquestra arxentino. E como a música éche linguaxe universal, o home tamén ten nacionalidade española. E xudea. E palestina.

Vén de declarar que se avergoña de ser israelí despois de que ese goberno aprobara unha lei que cambia o principio da igualdade e os valores universais polo nacionalismo e o racismo.

A música do mundo soa desafinada á espera de que a política colla a batuta para dirixir o concerto das nacións na clave de igualdade, liberdade e fraternidade, vellos e inmorrentes principios.

Á distopía do racismo, sementeira de muros e xenofobia, ben poidera suceder a utopía dun carnet de identidade universal. A tecnoloxía permite introducir no chip de cada tarxeta varias nacionalidades, algo que xa vén facendo o ADN na súa viaxe sen fronteiras. Barenboim é bo exemplo. Arxentinos, xudeus, palestinos e españois enorgullécense de seren compatriotas seus. Felicitábase o pianista de que Israel deixara atrás unha historia chea de sangue, persecucións, éxodos e crueldade para seren só israelís, cidadáns dun estado que tenta desenvolver a súa terra en beneficio de todos, amigos e veciños. Os principios escollidos polos fundadores do poderoso pequeno país: liberdade, xustiza e paz recordan aos que cambiaron o mundo desde a Revolución Francesa que abriu a modernidade. Adornan frontispicios, constitucións e declaracións de independencia. Nada que ver co que estamos a vivir: o tempo de líderes fortes que acariñan o oído da cidadanía co peor de nós mesmos: o egoísmo dos máis ricos, a cobiza dos poderosos, a sementeira fácil de odio, o medo ao outro. E o listado interminable de caudillos que aúllan. O seu discurso está nos antípodas da piedade, da política, da mellor humanidade.

Preguntámonos con Barenboim se na familia humana hai países con dereito ao seu paraíso privado, a independencia propia a costa da depredación do outro. Se os máis desenvolvidos teñen dereito a decidir vivir cada día mellor, alleos veciños que só tentan vivir ben cada día.

Cando necesitabamos estadistas para dirixir a orquesta do pequeno planeta, o único fogar que temos, xorden políticos minúsculos que non se enteran, que miran o embigo en castelos amurallados, indiferentes aos derrotados, peregrinos a ningún lugar.

Tampouco soa afinada a orquestra da ONU. Nós, os pobos todos da Terra… O estado do benestar de cada país é xusto o estado de benestar de todos. O dereito a decidir que invocan os ricos para autodeterminarse dos pobres cheira a aparheid. Sobre todo isto está a soar a música fermosa e ben afinada que dirixe a batuta chea de intelixencia e humanidade de Daniel Barenboim.

Barenboim, batuta sen fronteiras
Comentarios