lunes. 17.02.2020 |
El tiempo
lunes. 17.02.2020
El tiempo

Bágoas polo amigo das bolboretas

O voo sincopado, de aquí acolá, non vai a ningures. Voan sobre a caricia do sol, o doce zume das flores, os acanadoiros do vento. Ata que un día, o compás do instinto sinala o norte e emprenden unha viaxe de catro mil quilómetros. E despois volven ao bosque de oiameles de Michoacán, santuario das bolboretas monarca.

As cores rechamantes, negro, amarelo, laranxa frean aos depredadores animais pero non aos humanos, madereiros ilegais que talan a súa casa. A preservación da icónica especie periga. Postos a facer números os que fan números preguntan, para que serve unha bolboreta? Cantas podemos cambiar por un euro, un dólar? Cantas collen nun peso mexicano? 

En Michoacán veñen de asasinar a dous activistas medioambientais. Un deles, Homero Gómez era teimundo e apaixonado defensor do santuario das monarcas. Alí, estas criaturas fráxiles protagonizaban un xigantesco e fermoso espectáculo natural que deslumbraba aos outros veciños do planeta. Pero, ai, molestaba á miope cobiza humana que tenta cambiar por cartos ese 30% do oeste mexicano cuberto de bosques. Aquí asasínase con moito entusiasmo. Pouco importa a sorte destes himenópteros se as vidas humanas teñen valor tan cativo. 35.588 asasinados fan do 2019 o ano máis violento na historia recente de México e iso que López Obrador chegou á presidencia prometendo cambiar balas por abrazos.

Gañan as balas. Aquí, en Michoacán, 1.465 asasinatos anuais. Deles, doce activistas medioambientais e dez xornalistas que contaban o que pasa nun país onde poñerse ao lado da natureza e denunciar aos abusadores, págase coa morte. A zona de El Rosario onde se alimentan e reproducen as bolboretas éche o santuario máis grande e fermoso do mundo, Patrimonio Natural da Unesco. Algo que non freou o apetito dunha economía ilegal baseada na destrución dos recursos.

Pobre planeta en mans tan cobizosas! Pobre México onde talan o tálamo das noivas do sol! Onde a madeira dos cadaleitos non acolle a beleza das bolboretas mortas!

O activista defendía unha economía sa e intelixente impulsando a reforestación do bosque máxico das bolboretas monarca. Na súa preservación implicaba a labregos que traballaban na conservación dunha reserva que atraía a miles de turistas. Pero hai outra riqueza máis sucia, obsesionada pola madeira e outros recursos naturais nunha zona rica onde vive xente pobre. A noticia da morte de Homero conmociona, ata que outros titulares na antesala das portadas, sequen as bágoas e borren a súa memoria.

As bolboretas monarca viaxarán este ano ata Canadá. E cando o decrete o reloxio da natureza volverán aos bosques de Michoacán. Voando aquí e aló, as noivas do sol preguntarán por Homero, o que coidaba o xardín arbóreo. Pero o amigo das bolboretas xa vive no silencio.

Bágoas polo amigo das bolboretas
Comentarios