Opinión

Aventuras e desventuras dunha Caixa

QUEN LLE ÍA dicir ao sacerdote aragonés Francisco Piquer que a Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Madrid que fundara en 1703 terminaría nunha desfeita de fusións, mala xestión, escándalos e tarxetas para viños exclusivos e lencería fina. E un burato para o Estado de 23.500 millóns de euros. Con dificultade cambiaría esa magnitude delincuente a reais.

Na súa longa andaina pouco lle faltou á Caixa para asistir en 1700 ao cambio de dinastía dos Austrias aos Borbóns. Na histórica viaxe coñecerá catorce reis facendo o que sabía: sumar e restar, préstamos, libretas de aforro e a prazo, ata que o diñeiro paríu diñeiro, disfrazado de produtos evanescentes nesta economía de casino.

Caja Madrid viu a desfeita da Guerra de Sucesión, oíu falar da Revolución Francesa, a Guerra de Independencia e a Ilustración, mentres seguía coa rutina de recontar os cartos e administrar aforros. Coñecería as malas novas da Guerra contra EE.UU. e a perda de Cuba, Filipinas e o Desastre do 98 ao tempo que gardaba reais, despois pesetas. Viviu avatares absolutistas con reis idiotas como Carlos IV e Felipe VII.

No XIX coñeceu breves períodos liberais e moitos conservadores, guerras carlistas, revolucións en cada recuncho do mapa, un Sexenio Democrático, pronunciamentos de espadóns e a I República. Política e historia acompañaban á Caixa que coñecerá oito constitucións distintas, desde La Pepa ata a nosa.

Asomouse ao século XX, o da modernidade, as dúas guerras mundiais e a carnicería da guerra civil. Seguiu co negocio dos cartos na ditadura franquista e chegou viva ata o maior período democrático de España. Semellaba que nada podía acabar con ela.

Daquela Caixa e Monte de Piedad que prestaba ás clases necesitadas coa garantía de xoias e roupa, ao negocio bancario puro. Foille ben ata 1996, cando Jaime Terceiro que sabía de banca tivo que ceder o posto a un tal Blesa que non sabía pero era moi amigo do presidente. Partidos e sindicatos tampouco entendían o negocio dos cartos pero pronto aprenderon a gastalos, sentados no consello de administración. Nun país que colocou todos os ovos na cesta do enriquecemento turbio traizoando a cultura e esquecendo a Cicerón: "Só os sabios son ricos".

A historia recente é coñecida. Escándalos, burbulla inmobiliaria, préstamos a ‘construtores de pirámides’, mansión en Miami, disputas políticas e loita de poder. Rato. Caja Madrid e seis caixas máis crean Bankia sobre un cráter de 23.500 millóns de euros. A obra de don Francisco que navegou ao longo de tres procelosos séculos naufragaba agora nun país en crise pero moderno e asentado. E a xente que pagou o rescate non entende que nunha España inzada de organismos de control non se percataron de que a Caja Madrid semellaba o Patio de Monipodio.

Comentarios