Opinión

Autóctonos e alóctonos

AGORA QUE temos a wikipedia na pantalla da man asustan menos as palabras difíciles. Aínda que veñan da afastada e luminosa cultura grega. Autóctonos e alóctonos. Xente de aquí e de acolá, di o noso Cunqueiro. Os nosos e os outros. Veciños e forasteiros. Indíxenas ou estranxeiros.

Algo disto explica Ken Tompson no libro De dónde son los camellos, onde trata o problema das especies invasoras. Alóctonas. Invasións ás veces provocadas pola acción humana, movendo especies comerciais e ben consideradas ou, indirectamente, influíndo sobre o clima e degradando os hábitats. Os camelos son imaxe que a retina sitúa nos desertos de Oriente Medio e Asia, aínda que sexan orixinarios de América.

Falar de especies invasoras é falar do mexilón cebra, da herba da pampa, do voraz cangrexo americano que acabou co autóctono. Ou da avéspora velutina que ten como primer prato do menú a nosa abelliña. Son exemplos.

Máis dificultades teriamos para identificar como invasoras, alóctonas e forasteiras, plantas que forman parte da nosa paisaxe económica como o millo, o tomate, as patacas, tamén orixinarias de América. Especie acabada de chegar é a que trouxo frei Rosendo Salvado dos antípodas: o eucalipto que coloniza Galicia con máis éxito que na súa zona de orixe, exercendo aquí maior presión que en Australia.

Autóctonos e alóctonos. Plantas e animais copando novos nichos ecolóxicos. E mostrando o relativo fracaso de custosas campañas de erradicación, porque ao final é a natureza a que xera novos equilibrios freando especies invasoras, hoxe pragas e mañá, se son capaces de adaptarse, especies veciñas.

Plantas, animais e… seres humanos en incesantemente movemento desde que os primeiros homínidos iniciaran a súa andaina nas sabanas orientais de África para conquistar o planeta. Hoxe os seres humanos movémonos a velocidades infinitamente máis rápidas que aquel azaroso deambular buscando mellor clima, máis caza, plantas comestibles. Uns poucos privilexiados móvense con billetes de avión e papeis legais, mentres millóns de seres humanos peregrinan erráticamente. Levan os seus papeis cicelados nos ollos: a fuxida da fame, o medo ás guerras, aos fanatismos, ao inferno do clima. Ao final, alóctonos e autóctonos redúcense a excluídos e incluídos, separados por inútiles valados como inútiles foron ao longo da historia tantas formas de apartheid.

Da mesma maneira que a natureza recobra os seus equilibrios e vai asentando sobre a terra especies propias e invasoras, así as sociedades humanas, plásticas, cambiantes e líquidas están sempre á procura de novos equilibrios. Ata que a enriquecedora mestura de sangues, falas, relixións, peles, culturas dilúen as fronteiras entre eles e nosotros. Entre autóctonos e alóctonos.

Comentarios