Opinión

Auga: a Bolsa ou a vida

No planeta azul a auga doce é escasa. E a potable, aínda máis. Un milagre imprescindible para a vida. Agora, din, vai cotizar na Bolsa. Como o petróleo e o ouro, aínda que o seu valor é infinitamente maior. Tanto que, en 2010, a Onu recoñeceu o dereito humano á auga. Un dereito que xamais debería privatizarse. 

"Nin un vaso de auga quedará sen recompensa" (Mt.10:42), pero a tradución neoliberal é ben distinta: nin un vaso de auga vai quedar sen prezo. Para o primeiro os seres humanos son irmáns, para os segundos só clientes. A escaseza de auga, pegamento da vida, anima a especulación e abre a porta a conflitos futuros. 

A xestión eficiente non é monopolio do negocio privado, tamén colle no servizo público. De feito, ao tsunami de privatizacións das redes de abastecemento municipais que encareceron o recurso sen mellorar a xestión, sucede agora unha ondada de recuperacións para o público. As cidades son quen de xestionar eficientemente a auga e arrebatar das mans do negocio privado un recurso tan sensible para as persoas, para a cidade, para todas as formas de vida do planeta. A fin de contas a auga é un ben de dominio público e non cotizado desde Wall Street. 

A auga non é monopolio humano. Non pode ser propiedade dunha soa especie que comparte o planeta con oito millóns máis. A auga que se bebe, limpa, permite a vida, pinta de azul a Terra e é herdanza imprescriptible dos seres vivos, plantas e animais. 

A cobiza humana hai tempo que se decatou de que a auga é escasa e cara. Dela dependemos para fecundar os campos, criar animais, fabricar bens e obter enerxía limpa. Un xacemento de riqueza infinita que agora tentan privatizar. 

O uso da auga multiplicouse por seis no último século. Ese abuso medra cada ano polo desenvolvemento económico e demográfico e polo malgasto. E ocorre nun escenario de cambio climático que exilia da súa terra a millóns de seres humanos. A Onu conta ata 2.200 millóns sen auga potable, e o dobre sen sistemas de saneamento axeitados. 

Non podemos confundir o infinito valor da auga co seu prezo. Cousa de necios, avisa Machado. A escaseza e os perigos que ameazan este recurso obrigan a xestionalo con eficiencia. Tendo en conta que non estamos sós no planeta. E que as políticas públicas terán que enfrontar o cambio climático. Sen esquecer a cohesión social e que todos os países forman parte da familia humana. E que o homo sapiens ten a sagrada obriga de velar pola diversidade biolóxica e a conservación dos ecosistemas. 

Non se pode privatizar o aire que respiramos, paisaxes, nubes, ríos. A auga é de todas, de todos. Sempre de xestión pública para que non se contamine co diñeiro nin sexa privatizada nas bolsas. Porque é un dereito humano, un dereito da vida. E entre a Bolsa e a vida non pode haber dúbidas.

Comentarios