Opinión

Auga bendita

O VECIÑO Marrocos leva anos morrendo coa sede. Non chove, e iso é serio nun país cun grande peso na agricultura. Non cae nin gota en boa parte do país. Tampouco aproveitan o feito de seren país ribeirego de dous mares. E sen auga, xorden protestas entre os que queren regar e os que necesitan beber. Non hai auga para todos pero aumentan as hectáreas de regadío. Moita sandía de cedo que come Europa vén dalí, pero cada quilo precisa cen de auga.

O veciño Portugal morre de sede. A seca queimou o bosque monopolizado polo eucalipto. E morre xente atrapada polo lume. Iso ocorre nun país a carón do Atlántico.

Tamén en España estamos a pasalo mal por falta de auga. Polo abuso e mal uso dela. Nove de cada dez litros van para o regadío nunha terra esgotada, nun país con auga escasa pero que multiplica as hectáreas regables. A auga éche un ben común, prezado e escaso. Un dereito humano. Pero no país da trampa, do abuso e da picaresca se non hai auga, róubase. Fúranse pozos ilegais. Faltará auga para beber, non para producir os kilowatios máis caros de Europa, mentres no país do sol o goberno anda a preguntar que é iso da enerxía fotovoltaica.

Lemos que os encoros afogan sen auga, No pantano de Luna, en León, unha xigantesca pancarta denuncia a mala xestión. Lemos que os grandes ríos, o Texo ou aquí o pai Miño, sen caudal, teñen mala saúde. Que verde era Galicia! Soa a título de película coa melancolía en branco e negro. Porque non chove. Porque outono e verán fundíronse na estación do veroño.

O clima é un sistema complexo que depende de moitos factores. Un equilibrio natural os compensaba. Ata que apareceu a torpeza do bípede humano alterando a harmonía e os ritmos da natureza.Empezoñamos o planeta. Somos incapaces de frear a sementeira de veleno que acaba na atmósfera, ou os ríos de plástico que vomitan no mar. Consumimos como ricos recursos limitados. E por riba hai matóns, como o bufón excesivo USA que reclama o dereito a emporcallar o aire de todos, queimando máis carbón e petróleo ineficiente. O matonismo dos envelenadores do planeta resulta impune. Impoñen condicións e mesmo abandonan o tímido Acordo de París sobre o clima. Todo iso pasa factura. Os países ricos aínda poden pagala. Os máis pobres morren de sede ou foxen da terra invivible.

A auga é máis valiosa que o ouro. Pero a cobiza duns poucos pesa máis que a auga de todos. A auga que rega e limpa, que corre e canta, que dume nas fontes e viaxa nas nubes, que chove, neva, barruza e orballa, que se agacha tras da néboa, que pinta o arco da vella, que coce, que súa e respira. A auga que nos lava, que mexamos, que cuspimos. A auga que mordemos nunha sandía marroquí. A auga que esvara en bágoas polos irmáns portugueses queimados. A bendita auga. A auga bendita.

Comentarios