viernes. 03.04.2020 |
El tiempo
viernes. 03.04.2020
El tiempo

Apocalipse de fume e lume

Apocalipse. Primeiras entradas no buscador: Apocalipse now, Apocalipto, Apocalipsis zombie, X-men: Apocalipsis. E despois, El reloj del juicio final: o planeta xa está nos últimos cen segundos dunha historia de miles de millóns de anos. Na pantalla tamén aparece o presidente do Goberno sobre un titular excesivo: Apocalipsis vs. Armagedón. Pero só andabas á procura dun dos libros da Biblia: Apocalipse, épica e destrucións inenarrables, antesala do fin do mundo, 22 capítulos dunha literatura onírica e críptica.

"O primeiro anxo tocou a trompeta, e houbo saraiba e lume mesturados con sangue, lanzados sobre a terra. E queimouse a terceira parte das árbores. E toda a herba verde ardeu" (Apoc. 8:7).

Agora Australia. A illa continente case deserto. Nos telexornais, imaxes de estética apocalíptica, a traxedia do lume. Centos de incendios xigantescos fóra de control. E iso que o verán austral vén de empezar. Devastación e desesperación na guerra insensata contra o planeta.

A única especie humana sobrevivinte conta os seus mortos: 28 na inmensa fogueira nos antípodas. O complexo de embigo impídelle ver aos asasinados polo lume humano. 1.000 millóns de animais. E miles de millóns de insectos, bacterias e fungos da terra, anfibios. Contamos hectáreas de bosque queimadas. Apena a caída das árbores, xigantes xenerosos. O koala aterrorizado no colo dunha muller. Quen contará os arbustos, as herbiñas, as frores ventureiras, a bicharada miúda?

Os donos do mundo son burros con orelleiras. Non queren ver a realidade. Desprezan as palabras dunha nena, Greta Thunberg ou a rapazada de Fridays for Future cando denuncian que van espidos de sentidiño, de capacidade política.

Os donos do mundo son burros con orelleiras. Non queren ver a realidade

O clima, cada ano máis extremo, avisa con secas e temperaturas de marca. O amable Mediterráneo descarga a súa furia contra praias de cemento e urbanizacións insensatas chantadas nas beiras onde dormen, cantan ou rebentan as ondas.

En Australia contamos as casas, os coches calcinados, os nosos mortos. Valemos máis ca unha bolboreta? Ela enche de cores as pradarías, o sapiens camiña atolado cunha antorcha apocalíptica na man.

Nin todos os dólares australianos frearán a dor da terra que se queima. Apocalipse é palabra grega que significa revelación. Velaí os fermosos e arrepiantes ceos vermellos. O volcán de fume cuspindo columnas de faíscas. A selva do Amazonas que xa non é noticia. A ferocidade da tormenta Gloria contra a costa máis poboada de España son capítulos de lectura obrigada. Retratan a esta especie única, humana, sabia. Con tanto poder sobre os ecosistemas que vén de inaugurar a era do Antropoceno. Capaz do peor. Capaz do mellor se abre os ollos a esta terrible revelación, a apocalipse de fume e lume que incendia Australia. Que apaga o planeta.

Apocalipse de fume e lume
Comentarios