Opinión

Antropoceno, o rei espido

DIN OS xeólogos que estamos no Holoceno, etapa que empezou hai 11.700 anos. A retirada dos glaciares deu paso a un clima máis suave e ao pico máis alto de especies na epopea da vida. Agora, nos bordos da Sexta Extinción de especies vivas, empézase a falar do final do Holoceno e o inicio do Antropoceno ou a Era do Ser Humano que describe o peso excesivo da nosa especie no planeta.

O biólogo E. Stoermen, acuñou "Antropoceno", palabra que popularizarían o químico P. Grutzen e Yuval N. Harari, profesor de historia e autor de 'Sapiens', e 'Homo Deus'. O Antropoceno combina un enorme progreso tecnolóxico, e iso é moi bo, co peor da natureza humana, e iso é moi malo. A etapa máis cruel e mortífera tamén ten elementos para a esperanza se a especie humana aprende a convivir cos outros. E comprende que a biodiversidade, caldo morno da vida, é un escudo protector para todas as especies que enfían o tecido da vida. A arca de Noé perde especies cada ano. 2018, por exemplo está dedicado a un ave, a curuxa, que en dez anos quedou na metade da poboación e de seguir así, acabará vivindo nos contos infantís.

A nosa especie, máis que ningunha outra, ten asestado un durísimo golpe ao planeta. Agora empezamos a comprender a magnitude do exterminio. Case que se pode falar dun apagón da vida. Crecemos ata límites pouco sostibles e a eliminación de biodiversidade avanza en igual medida. Medran tamén intentos conservacionistas conscientes da destrución, envelenamento das augas e deterioro dos ecosistemas.

O dogma do antropocentrismo está a destruír a vida no planeta. Crecemento económico e cultura de consumo non poden ser os modelos. Nun planeta domesticado a natureza esmorece. O Antropoceno significa que atmósfera, litosfera e biosfera están a ser domeados pola forza humana, desapiadada e coa febre das présas. A biodiversidade non está ao servizo da especie humana: somos fíos que entretecen a urdida da vida.

O rei da creación dedícase con entusiasmo suicida a esgotar os recursos, enveleñar as augas e exterminar a fauna salvaxe. Semella que para este dono cruel todos os animais son gando, e pescado os peixes. Lagos e ríos só son auga doce que retemos en encoros e malgastamos cunha sede insaciable. Bosques e selvas son reservas de madeiras valiosas, e as árbores táboas e pasta de papel. Mentres que a costa vaise convertindo nunha interminable urbanización con praias acotadas para gozar.

Con tanto poder nas mans, a cobiza humana pode acabar co planeta tal e como o coñecemos. Como seres racionais podemos preservar o patrimonio vivo se aprendemos a convivir como veciños que dependen uns doutros.

O Rei da Creación, a piques de dominar totalmente o planeta, non tardará en descubrir que está espido.

Comentarios