Opinión

Ai Nicaragua, Nicaragüíta!

EN NICARAGUA o contador da morte segue activo: 200, 212, 285 mortos. Difícil o reconto dos feridos: 1.337, 1.500, 2.500. E ata 507 no cárcere, a maioría xente nova.

Por iso emociona escoitar a Sergio Ramírez, político e escritor, na entrega do Cervantes denunciando a ferocidade da represión en Nicaragua. Foi vicepresidente do país cando florecía a primavera sandinista. Bo pretexto para ler o seu último libro Ya nadie llora por mí: mostra as cores negras do poder que atenaza ao país nun panorama de podremia, corrupción e abusos.

Velaquí nestas datas de dor e esperanza, outra das conciencias críticas, dono de palabras e versos, Ernesto Cardenal denunciando a crise de dereitos humanos e terrorismo de estado. Poeta, cura, tamén ministro na etapa da ilusión sandinista, perseguido con saña pola parella presidencial Ortega e Murillo, protagonistas da involución.

"Temos visto un pobo desarmado, atacado por hordas militares, crueis, con armas de guerra. Nicaragua chora hoxe" declara mons. Silvio Báez, membro dunha igrexa, agora sí, antes non, a carón da xente. Ata a conferencia episcopal tenta dialogar cun poder xordo ás demandas da oposición que reúne estudantes, sociedade civil, académicos, empresarios, labregos.

Ai Nicaragua, Nicaragüíta! Volven soar nomes míticos de cidades en loita contra a ditadura. Nicaragua, capital, vén de declararse en rebeldía, liberada do réxime de Ortega. Masaya, que escribíu as páxinas máis heroicas contra o somocismo, soporta situacións de extrema violencia nun país cansado do matonismo policial. Outra vez os peores pesadelos dictatoriais en Centromérica. Outra vez leis para reeleción eterna. Outra vez a mordaza contra as voces críticas, expulsando opositores, apaleando estudantes, disparando a manifestantes, controlando eleccións, silenciando aos medios, aumentando as desigualdades.

Todo iso está moi lonxe da "saída constitucional, democrática e pacífica a esta crise dos dereitos humanos. O poder, denuncia a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, está a empregar a violencia estatal para atemorizar e disuadir a participación nas protestas co uso excesivo da forza pola policía" e os grupos de choque.

A boa noticia é que nas veas dos estudantes corre o sangue quente da resistencia, a mesma coa que loitaron para liberar o país da tiranía dos Somoza. Levantados desde el 18 de abril contra a tiranía do excomandante exsandinista Daniel Ortega, as demandas de democracia e libertade foron contestadas cunha violenta represión gubernamental e a estratexia de terror nas rúas, actos xenocidas que emporcallan a memoria dos mártires sandinistas.

Na música, nos versos de Mejía Godoy agora só hai morte e bágoas. Tamén moita esperanza. "Ai Nicaragua Nicaragüita!"

Comentarios