jueves. 17.10.2019 |
El tiempo
jueves. 17.10.2019
El tiempo

A pobreza non emigra

Éche a riqueza a que migra. Os dólares fixeron negocio no patio traseiro USA. Os rublos daquela URSS vendían armas por recursos. Os yuans chineses copan agora boa parte de África. E ninguén sabe ata onde se estende a arañeira das multinacionais, ONG do Diñeiro sen Fronteiras.

A inmigración, magnificada por barcos, silencios e portadas, pouco axuda a reducir a pobreza do mundo máis aló do dereito das persoas a moverse polo planeta. Ao fin, a historia humana éche unha crónica interminable de migracións. E nacer, recorda o filósofo grego, é chegar sempre a un país estranxeiro.

Quen emigra? Tentan fortuna os máis enérxicos e formados, heterodoxos e insatisfeitos que poderían ser axentes de cambio nos seus países. Escapan da miseria na procura dun futuro mellor e o seu lugar é ocupado por un número aínda maior que multiplica a pobreza. Non emigran os tres mil millóns dos desesperadamente pobres con menos de dous dólares día, di o Banco Mundial, sen cartos, forzas nin rabia abonda para se poñer en camiño.

O mundo rico di que aposta polos que tendo tanta ira, algún diñeiro, forza e formación deciden quedar. Pero abre os brazos aos máis ricos dos pobres, aos que aportan algo deixando aos seus á intemperie. Pola ancha porta da demografía entran máis pobres que os que escapan pola ventá da inmigración.

En África hai facultades de Medicina pero os titulados acaban curando no norte rico. Pola contra, a mala conciencia de Occidente crea benintencionadas ONG e envía unhas ducias de médicos. Quen axuda a quen? O peor colonialismo é o que baldeira aos países pobres dos mellores activos e os deixa indefensos ante a rapacidade dos poderosos.

A inmigración mediática, máis aló de mafias, barcos bondadosos, medre expoñencial da extrema dereita e bos sentimentos, semella unha xigantesca estafa. Uns miles, centos de miles, se cadra uns poucos millóns de inmigrantes arribarán cunha mochila de dor, esperanza e azaroso futuro ás praias do paraíso. Os ocos que deixan pronto rebordan con novas e maiores fornadas demográficas.

A inmigración non diminúe a pobreza global porque a inmensa maioría queda ancorada pola miseria nas súas comunidades: xamais entrarán no mundo rico. E nada cambiará coas regras de xogo dun sistema económico que se comporta como picadora de carne humana.

Os países poderosos non dedican nin o 0,7% do PIB aos derrotados. E mentres, a riqueza migra polo alcantarillado dos cartos, salta fronteiras e chega con letal eficacia alí onde hai recursos, petróleo, madeira, auga e minerais que muxir. Esperan un río de solidariedade da familia humana para que a xente viva, se así o decide, onde nacen e medran, onde a semente ten todo o dereito a florecer. A pobreza xamais emigra, multiplícase nos lugares que abandonan os migrantes.

A pobreza non emigra
Comentarios