Opinión

A idade da ira

La edad de la Ira’, serie de 130 pinturas de O. Guayasamín. Estremecedores rostros e mans crispadas contra o racismo e a pobreza, a brutalidade e barbarie do sanguinario século XX. Cousas que criamos desterradas volven. Rostros e mans ben coñecidas mostran a ira en pantallas, portadas. Como o do furibundo Trump, o do nacionalismo brután e insolidario: ‘Make America Great Again’ que lanzou os ‘búfalos’ contra o Capitolio. Ou Bolsonaro, político estridente que inundou de ira a Praza dos Tres Poderes en Brasilia, derrotado pola democracia. A ira neoliberal e vociferante deste Milei tenta privatizar ata os riles dos arxentinos. E abomina a berros da xustiza social, da sanidade e a educación públicas. Ira viral en epígonos menores, aquí e acolá, xinetes no apocalipse do malestar social. Tecedores da arañeira reaccionaria que nos atrapa.

As douradas luces do outono non agachan a violenta cor vermella da ira que nos invade. Ondadas de rancor nas rúas. Auxe de radicalismo. Exhibición na praza pública de ideoloxías crepusculares. Todo o que foi varrendo o vento limpo da democracia regresa: os dinosauros da ira só estaban adurmiñados.

En prime time personaxes hiperbólicos, por veces hilarantes, sempre inquietantes, profetas da intolerancia. Activos militantes do populismo que non é ideoloxía senón engano para apoderarse do poder e, desde aí, destruír a democracia. Como paradigma, a motoserra de Milei. Para esgazar todo o que constrúen os tempos lentos da política, romper as institucións sociais e tronzar as palancas do Estado. Para acabar con ‘la casta’, os seus privilexios e corrupción.

A ira farta a cidadanía que reclama pedagoxía política. E concordia, é dicir, acordo. Para diluir a ira e aventar os medos. Para escoller «donde sentarnos y conversar». Pero os sementadores de ira alimentan a desmemoria. Combustible das fogueiras da ira que impide falar, escoitar ao outro, base da convivencia, alicerce da política.

A ira leva no lombo un listado interminable de agravios que aproveita o populismo. Arrasa e enfronta e, ao fin, rompe as sociedades en dúas mitades que se odian. Desa confrontación, dos prometidos ‘paraísos’ transmutados en infernos foxe quen pode. En España, 350.000 arxentinos: son moitos máis. Outro populismo da ira, Venezuela expulsou do país que flota en petróleo a sete millóns de cidadáns, deles 430.000 aquí. As mans e os rostros crispados do populismo co seu bálsamo de Fierabrás para os males da patria destrozan os países expulsando a tantos ao estranxeiro.

Advirte o coro na traxedia Medea de Eurípides: «Terrible e incansable, a ira medra cando os seres queridos, contra os seres queridos, entran en discordia». E inaugura unha era de mans crispadas, rostros ameazantes fóra dos cadros de Guayasamín: a Idade da Ira.


 

Comentarios