jueves. 27.02.2020 |
El tiempo
jueves. 27.02.2020
El tiempo

A cidade tan viva

A CIDADE na que vivimos. Invención antiga, naceu pequena, con valados contra o medo. Contra os forasteiros, estraños. Antigas como Xericó, vella de dez mil anos. Das que temos noticias certas, aparecen a carón dos grandes ríos. Daquelas aldeas medraron cidades para protagonizar a historia nas beiras do Éufrates, Nilo, Indo. Xentes que se reúnen para vivir mellor. Que necesitan aos outros. Nace a agricultura que ancora á terra, a escritura, as leis.

A cidade é territorio de emigrados, xente que foxe, apátridas. Vivindo xuntos percátanse de algo prodixioso: "O aire da cidade fainos libres!", exclaman incrédulos da súa sorte, temerosos de perder o tesouro máis prezado. No acubillo civilizador de prazas e rúas poden escapar da todopoderosa presenza dos deuses, dos señores. Contra eles erguen muros, case sempre inútiles: destruídos, reconstruídos tantas veces. Séculos para edificar a cidade: a barbarie apenas precisa unhas horas para convertila en cinza.

Calidoscopio de opulencia e miseria, tan veciñas. De centro e arrabaldes. O progreso vai rompendo as costuras dunha cidade que está viva. Medra, esténdese. A carón de tanta actividade érguense palacios, xorden chabolas. As rúas énchense de falas, noticias, rumores. As vidas entrecrúzanse. A xente dilúese, mimetízase na masa e aparece algo valioso, inédito na historia humana: o anonimato. Xentes de aquí e de acolá cargando co pasado, lingua, deuses. Outros chegan sen familia, sen caste coñecida. De onde veñen? Quedarán?

A cidade é xuntanza. Algúns que mandan. A maioría obedece porque non lle queda outra. Man de obra barata. Corpos que golpean e acariñan. Pel que se roza. Brazos e pernas que se moven, que traballan. Todas as bocas, e son moitas, necesitan comer. Xente desprezada protesta e berra. E, ao fin, decátase da súa forza: somos moitos, somos máis. Masa, fervenza, muchedumbre, turba multitude que cando se xunta atemoriza. E provoca cambios.

A cidade medra. Devora a contorna. Esixe espazo, luces, alcatrán. Actualiza o rueiro. Renova arterias de auga limpa e venas de inmundicia. A cidade rescatou do medo á natureza, da soidade e do atraso dos que non conviven con outros. Por iso hai que apostar por ela. Preservar a historia cicelada na pedra. Mimar parques e prazas: recunchos fermosos, salón dos cidadáns, foro da palabra, teatro de vidas compartidas. As paisaxes da cidade, fontes e xardíns, igrexas e árbores, pazos e monumentos, son patrimonio común. Herdanza que recibimos, riqueza que deixamos. Xa é agora. O máis visible é a enorme concentración de casas. O máis ruidoso éche a gran cantidade de coches. O máis humano é a masiva presenza de xentes. Poderosa forza centrípeta, imán que atrae. Tantas vidas vivindo na cidade tan viva.

A cidade tan viva
Comentarios