Opinión

A bolsa, a vida e a saúde

HAI DOUS anos, a espada de Damocles da morte colgaba sobre enfermos de hepatite C. Os medicamentos podían curala pero eran inasumibles polas familias e poñían en risco á sanidade pública. Foi un exemplo máis do ilimitado poder da poderosa industria farmacéutica e a súa mensaxe de que a saúde é sobre todo para quen pode pagala.

Suponse que tamén hai hepatite, cancro, diabete, VIH en países pobres. Con sistemas sanitarios precarios ou inexistentes, son incapaces de termar da saúde e das enfermidades da cidadanía. Nos países ricos, as desapiadadas multinacionais do medicamento impoñen condicións e obrigan ás sociedades a pasar polas forcas caudinas duns prezos desorbitados.

Un ano antes foi noticia un tal Martín Shkreli "o home máis cobizoso do mundo". Este especulador comprou os dereitos dun fármaco contra a sida e multiplicou o prezo un 5.555%. A caixa de dazaprim pasou de 13,50 dólares a 750. Hai pois empresas da cobiza especializadas en comprar patentes e multiplicar o prezo ata límites delirantes.

Os sistemas públicos cambaléanse diante de enfermidades como a diabete, epidemia de países ricos que saltou ata os pobres. 422 millóns de enfermos no mundo son 422 millóns de clientes que pagan a diario unha altísima peaxe a farmacéuticas menos interesadas en curar que en facer caixa.

Falar hoxe do cancro é falar de altos prezos e de desigualdade. Os sistemas públicos non poden pagar os trinta, corenta e ata cen mil euros paciente/ano. Canto custa desenvolver un medicamento contra o cancro? A industria farmacéutica cala e infla os gastos de investigación. A plataforma "No es sano" afirma que en só catro anos xa recupera a inversión. Pero o máis sangrante é que a I+D pública soporta e financia, nas fases iniciais, os descubrimentos contra o cancro. Millóns de euros públicos engordan petos privados pero non rebaixan os prezos. Ao final, a xente do común financia cos seus impostos fármacos que, sen a bendita sanidade pública, só poderían comprar os ricos.

Por iso hai que aplaudir afervoadamente ao equipo de investigadores do Centro Andaluz de Bioloxía Molecular e Medicina Rexenerativa, Cabimer, de Sevilla que está a crear un fármaco contra a diabete. Bernat Soria, fundador do centro, di que para curar a diabete hai que substituír as células que non funcionan e deter as causas. Desenvolver un medicamento desde o laboratorio ata o paciente custa uns vinte millóns de euros. Xa levan gastados tres e faltan dezasete. Pero este país babeco paga o dobre cada ano aos Messis e Ronaldos, paradigmas do panem et circenses, que traballan cos pés e escamotean impostos. E mentres, maltrata aos que traballan co cerebro, investigadoras que loitan pola vida, investigadores que apostan pola saúde sen preocuparse da bolsa.

Comentarios