Opinión

2021-2022

Como herdanza de 2021 quedará escuridade e medo na memoria histórica, tamén na apopea persoal de tantos. E a sensación de que os corpos son escenarios sospeitosos para o contacto pel a pel. Couto con bicos e apertas prohibidos. Coas palabras silenciadas tras dos barrotes dos dentes, confinadas polo valado dos beizos.

Prisioneiros da tristura, tentando albiscar un pouco de luz ao final dun túnel onde se amorea fartura e cansancio. Foron esmorecendo os bos desexos de saír máis fortes e mellores. Con tantos perfís ideolóxicos os gobernos móstranse medorentos, incapaces de acordos. Outra vez a infamia de aproveitar unha pandemia que mata, enferma, atemoriza para liortas cainitas e a indisimulada cobiza polo poder. Fronte ao trunfo da ciencia, o fracaso da política.

Aquí e acolá encabuxamento e preocupación. A pandemia é cara: Atención Primaria, hospitalizacións, Uvis, baixas laborais, ralentización económica, Ertes. Tamén engorda o negocio privado: test de antíxenos, PCRs. Co heroico exército das batas brancas nos bordos do desalento: non son de ferro, enferman. Senten medo e desesperanza. E ira infinita diante do incivismo e falta de respecto ás normas. Ven con abraio cómo os gobernos esquecen promesas. Son menos enfrontándose a máis. Sí, non hai lugar para a lírica nestes doce meses onde tantas risas nunca chegaron a estoupar. 

Nun país onde os telexornais cando falan de recuperación económica só acertan a mostrar camareiros, moitos no sector tremen. Tantas viaxes que quedaron coas maletas no faiado. E bares, cafeterías, restaurantes, ocio nocturno, espectáculos masivos no mundo do deporte, imprescindibles xuntanzas da cultura, cine, concertos, cousas de sociedades cultas e desenvolvidas. Aquí ten moita importancia comer, beber, falar, estar xuntos. Cantas ceas, cantas comidas pendentes! Tristísimos espazos coas mesas, as cadeiras baldeiras. Os meses bambeando da esperanza á preocupación, á desesperanza.

Citas, xuntanzas, tan humanas, agora sospeitosas. Mans que non tocan outras mans. Pel orfa de caricias. Rostros agachados tras dunha máscara que impide rir, que desanima falar pero aínda tenta sorrir. Masiva sementeira de máscaras alfombrando o planeta. 

Sofren vellos e adultos. Nos máis novos os días xa non amencen con despreocupación. Os corpos non se comparten. Andan refreados bicos e desexo. As flores con mensaxes de amor murchan nas mans. E os soños, na idade dos soños, non son capaces de espertar. Costa falar do máis importante: os que se foron tempo abaixo... As vacinas frearon a gadaña da morte pero non á xente insolidaria. Os días cargados de escuridade do 2021 quedaron atrás, xamais serán esquecidos. O tempo, a vida, teimudos e pugnaces, abrirán co ano outro abano de oportunidades. En 2022.

Comentarios