Opinión

Neira Vilas

COÑECÍN  a Neira Vilas a principios dos anos 90 cando veu dar unha conferencia ao meu instituto, o Xunqueira II. Estaba el e a súa muller, Anisia, para falarnos dunha novela que acababa de publicar e para facer un repaso por toda a súa vida. Sorprendeume unha afirmación que fixo Anisia: "Memorias dun neno labrego bloqueou toda a magnífica obra que fixo Xosé despois".

Quedei pasmado. Para min, Balbino era un tipo co que me criara intelectualmente e me parecía que escribir aquilo só podería traer fortuna na vida. Nunca pensara que unha obra de grande impacto coma esta podería provocar unha nube negra sobre o resto dos seus escritos. Daquela, recordo que volvín ler 'Memorias', que permanecía na miña cabeza coma o primeiro día e decidín ler algo máis de Neira Vilas. En efecto, comprendín que Anisia tiña razón porque tentei atopar algunha obra máis e custoume traballo.

Pasaron xa case 25 anos daquela visita e tiven oportunidade de ler moitas cousas máis. Desde os seus artigos de prensa ata cousas como 'Querido Tomás' ou 'Aqueles anos do Moncho' comprendín o concepto de realismo social que tanto defendía Xosé. Anos despois xa tiven a oportunidade de tratalo máis e incluso de compartir algunha experiencia bonita e confirmei que o máis interesante da obra de Neira Vilas era a personalidade de Neira Vilas.

Sen embargo, creo que non foi un escritor esquecido. Creo que logrou superar calquera tempo e se instalou no imaxinario de todos os galegos e galegas que, ou ben viviron nos tempos duros, ou que pasaron polas diferentes transicións sociais desde os anos 60 ata agora. É ademais, é un dos poucos autores que pode presumir de ter un betseller na súa obra e de chegar aos corazóns de miles e miles de nenos e nenas ao longo de varias xeracións. Probablemente, a pouco que miren polos estantes das súas casas atoparán algún exemplar. Iso é a maxia da cultura popular, que el tan ben soubo tratar.

Xa non entro en algo fundamental, como é a defensa da lingua e da cultura galega, pero creo que a pegada de Neira Vilas serviu para axudar a retratar un tempo, non moi lonxano, pero radicalmente diferente ao que podemos ter hoxe. Houbo momentos nos que a súa obra parecía estar pasada de moda, pero sen embargo, nunca deixou de estar de actualidade, ben polo que contaba, ben polo que connotaba.

Neira Vilas deixounos este venres, despois de 87 anos de vida apaixoante, con mil e unha historia que contar. Algunhas escribiunas, outras non, pero falar con el un par de horas era volver a entender todo o que nos pasou nos últimos corenta anos.

Vaise un escritor, un historiador, un intelectual e un home do seu tempo. Por sorte, queda a súa obra para que sigamos gozando de todo o seu talento e vaiamos aplicando todo o que el nos aprendeu para seguir avanzando cara adiante.

Comentarios