Opinión

Humor e información

"ALGO NON VAI ben nun país cando os programas de humor son os responsables de informar ben á sociedade española"”. Esta frase é do humorista Gran Wyoming, que case todas as noites nos sorprende a través do seu programa 'El intermedio'”, que se emite en La Sexta.

Sen embargo, esta semana el non foi noticia, pero si outros humoristas que lograron falar co presidente Rajoy simulando seren o presidente da Generalitat de Cataluña.

Radio Flaixbac é unha emisora musical que leva funcionando case un par de décadas en Barcelona. O seu programa estrela emítese pola mañá e chámase “Al mati i la mare que el va parir”, que poderiamos traducir como “A mañá e a nai que a pariu”. Coñecín este programa durante uns meses que vivín en Barcelona hai uns quince anos e xa daquela era igual de gamberro e pavero ca hoxe.

Esta xente usa a vella técnica de simular ser un coñecido e montar unha trama de equívoco. A cousa sempre acaba igual. Despois duns minutos facendo un dobre xogo, todo se descubre, o humorista preséntase e explica a broma. Hai un par de días fixeron o mesmo con Rajoy e cun só filtro na chamada lograron falar en segundos co propio presidente.

Comprendo o mal trago que debeu pasar o equipo de secretaría do presidente, o presidente e incluso os humoristas, que non foron quen de durar máis que uns poucos segundos porque incluso se asustaron cando comprobaron que Rajoy estaba tragando a broma sen sospeitar nin o máis mínimo.

Xorde así o debate de ética profesional con este tipo de cousas. Falando cun bo amigo que sabe moito disto, chegamos ao mesmo punto. Nesta ocasión, creo que se cumpriron as normas básicas da ética dos humoristas, como é o respecto persoal, a inexistencia de insultos e informar finalmente á “vítima” de que todo se trataba dunha broma. Creo que o presidente respondeu ben ante esta situación. Lonxe de incomodarse e de montar en cólera dedicouse a dicir que “isto non era serio”, cousa que é certa, e a interesarse pola emisora de radio en cuestión.

O humor, por definición, debe ser un pouco transgresor e incluso gamberrete. O límite está sempre na educación e no respecto persoal, pero non poderiamos falar de humor se non pasáramos algunhas fronteiras menores. O bo humor nace das situacións reais, das dobres interpretacións, da tensión emocional dun colectivo nun determinado momento, ... e este escenario é imprescindible para que todos nos riamos. Por iso, creo que nesta ocasión, os autores de “Al matí” fixeron un traballo estupendo.

Curiosamente, o bo xornalismo ten tamén unha serie de fronteiras menores que deben ser superadas para chegar a atopar a verdade e a obxectividade. Hai unha máxima na profesión que todos aprendemos nos primeiros días: “primeiro pregunta e logo pide perdón”. Se o facemos ao revés, xamais lograremos cumprir a nosa función social que sigue sendo a de informar con veracidade, obxectividade e calidade.

Comentarios