ESTOU SEGURO que o extenente alcalde de Moraña xamais sospeitou o lío no que se estaba metendo cando insultou á presidenta de Deputación de Pontevedra no seu Facebook. Confundir as redes sociais coas conversas de café é un xogo altamente perigoso que normalmente trae consecuencias fatais para todos. Para a vítima, insultada en público dun xeito totalmente gratuíto, pero tamén para o que insulta, que irremediablemnente ten que pedir desculpas e, se aínda por riba é un cargo público, non lle queda máis remedio que dimitir.
Isto é o que pasou esta semana en Moraña, pero que leva sucedendo todos os días polo mundo adiante. As redes sociais, e internet en definitiva, permiten que a mensaxe emitida por un cidadán poida chegar a un público superior a calquera medio de comunicación dos chamados tradicionais. Lembro, na miña etapa de redactor xornalístico, unha entrevista que lle fixera a un coñecido director teatral por un problema xurdido na cidade sobre a programación cultural. Naquela entrevista, o home botou sapos e culebras por aquela boca contra todos os concelleiros do equipo de goberno, con expresións que na miña opinión eran claros delitos. O traballo do xornalista era filtrar todas aquelas barbaridades e quedarse co elemento central da noticia. Nas redes sociais iso non pasa. Nas redes non hai máis filtros que os impostos polo propio autor e o mal uso desta liberdade pode xerar verdadeiras traxedias.
Desta vez falamos de descualificacións, pero tamén poderiamos estender o problema á intimidade. Publicar fotos eróticas no teu propio portal de Facebook ou no Instagram é sinxelo. Con pulsar unha vez o botón da cámara e outra vez o botón de compartir xa é suficiente. As consecuencias do acto xa non son tan sinxelas e desgraciadamente solucionar o problema pode incluso ser imposible. Xa non chega con borrar, porque a memoria de Internet é infinita e en numerosas ocasións, nin sequera unha sentencia xudicial é capaz de resolver o dano causado.
A comunicación en redes sociais ten unha atmosfera de produción tremendamente íntima. Eu, co meu teléfono, e sen necesidade de pedirlle axuda a ninguén, podo publicar unha foto de calquera tipo que pase pola rúa. Sen embargo, o consumo dese produto é xusto ao contrario, tremendamente social. Se antes unha foto do meu casamento non pasaba do álbum de fotos e das vinte copias que lle facía aos amigos, agora calquera tontería pode ser vista por miles de persoas.
Aínda nos queda moito por facer coa alfabetización dixital. Agora a prioridade non é aprender a usar os trebellos, porque os nenos xa nacen aprendidos. O problema que nos debe preocupar é ensinar as consecuencias das decisións que tomamos e das nosas pautas de comportamento nas novas tecnoloxías. O esforzo non debe ser ensinar aos nenos e nenas como funciona o ordenador, senón concienciar da importancia que pode ter na vida dun adolescente publicar fotos comprometedoras ou humillar a terceiros con comentarios que nunca deberan saír da cabeza de ninguén. Non son moito de dar leccións, pero creo que no caso de Moraña houbo varios que aprenderon de vez.