Opinión

Por favor, non lean

No ano 2001 a Administración Xeral do Estado puxo en marcha o primeiro Plan de Fomento da Lectura baixo o lema ‘Ler dáche máis’ e, pola súa banda, a Consellería de Cultura impulsou seis anos máis tarde o Plan de Fomento de Lectura de Galicia. Grazas a medidas como estas conqueríronse excelentes resultados cun importante incremento porcentual de lectores nun país no que aínda estamos no furgón de cola respecto a outros da nosa contorna no tocante a ese magnífico hábito.

É tal o punto que alcanzou o interese pola lectura nas dúas últimas décadas que, hoxe en día, até os políticos se lanzaron a ler calquera intervención pública que teñan que realizar. Incluso para un corte radiofónico que non teña unha duración superior a medio minuto len a súa declaración. A verdade é que este feito chirría.  Unha inmensa maioría de ouvintes de calquera emisora preguntámonos a que se debe esta práctica. E a única resposta posible é que hai unha falta de seguridade total por parte de quen está a falar sobre o que está a explicar. 

Ademais, alomenos na meirande parte das ocasións, a dicción dos intervenientes deixa moito que desexar. Por non falar da entoación empregada. As pausas tampouco soen ser as máis adecuadas. Na actualidade proliferan os cursos para aprender a falar en público, nos que tamén se ensina a ler correctamente. Si en vez de adicarse á política queren ser locutores de radio, aconsellaríalles que se formasen minimamente neste campo.

Apenas hai contadas excepcións de representantes institucionais que falen ‘sen papeis’. Nos últimos anos teño comentado este feito con algún dos portavoces da corporación municipal de Lugo, dicíndolles que —ao meu modesto entender— non debían ler esas intervencións curtas porque así perdían credibilidade ante os cidadáns. E manifestáronme o seu propósito de emenda. Lembro que, pasado o tempo, volvín falar sobre este asunto cos mesmos protagonistas que menciono porque seguía escoitando as súas peroratas radiofónicas. Díxeronme que xa non as lían. Coma se eu fose parvo. Fíxeralles a suxestión  coa mellor das intencións. Algún destes portavoces xa non volverá selo. Non botarei de menos a súa brillantez discursiva, sinxelamente porque carece dela.

Con isto non digo que non haxa políticos cunha sólida formación. Hainos. Non son moitos, pero hai algúns que se expresan moi ben, tanto verbalmente como cando escriben. Por aquilo de que estamos na ‘xornada de reflexión’ non vou dar nomes que puidesen inducir a variar a intención de voto, pero si citarei, a modo de exemplo, que concretamente hai un senador por esta provincia que me gusta como se manifesta sempre que o escoito falar, como me gustan os seus artigos xornalísticos, escritos cunha boa sintaxe e cun sólido fondo.

Recentemente acabei de ler ‘La foto del Palace’, un libro no que Fernando Jáuregui fai un repaso aos últimos corenta anos do socialismo español. Nel, César Lucas, un excepcional fotoxornalista e autor da instatánea na que Felipe González e Alfonso Guerra aparecen asomándose a un balcón deste hotel para celebrar o histórico triunfo do PSOE nas eleccións do 28 de outubro de 1982, di a seguinte frase: «Tiñamos unha clase política cun nivel altísimo, non como agora, que buscan apenas sobrevivir». 

A oratoria é unha arte. Non digo eu que os concelleiros que saian elixidos mañá teñan que ser como Sócrates, Demóstenes ou Cicerón, pero si lles pediría que, por respecto aos seus representados, estuden ben os temas que van tratar e nos que van traballar. 
Así que, por favor, non lean. Bo, si, lean máis libros e menos as súas declaracións políticas. Así falarán mellor.

Comentarios