Opinión

Dos 'venres sociais' aos 'decretos abertzales'

Esta semana moitos españois quedamos perplexos trala última manobra de Pedro Sánchez para manterse en Moncloa. A validación por parte da Deputación Permanente do Congreso dos seis Reais Decretos que o Consello de Ministros de Sánchez aprobou en tempo de desconto non é gratuíta para España. É evidente, e creo que a estas alturas ninguén pode ter dubida disto, que Sánchez é socio e refén de Bildu. E todos sabemos que camiñar da man de Otegi e dun partido que nunca pediu perdón polos asasinatos da Eta non pode traer nada positivo. 

Os 'venres sociais' de Sánchez transformáronse nos 'decretos abertzales' por obra e gracia do voto a favor de Otegi. É a primeira vez en 40 anos que os abertzales presumen de ser claves para o goberno de España. Agora está claro, e non porque o diga o Partido Popular, senón porque hai feitos obxectivos que o avalan, que o próximo 28A Pablo Casado é a única alternativa real a un Goberno de Pedro Sánchez, Iglesias,Torra, Puigdemont e Otegi. 

O PP recorrerá ante o Tribunal Constitucional estes decretazos electoralistas porque non cumpren os requisitos de urxencia e extraordinaria necesidade establecidos para un Real Decreto. Son unha tomadura de pelo aos españois porque en ningún caso melloran a calidade de vida, só garanten a permanencia de Sánchez na Moncloa. 

Votar a Sánchez é votar aos independentistas, aos populistas e aos batasunos. O que está en xogo o próximo domingo 28 é a unidade territorial de España e o seu progreso socioeconómico.

Dende que goberna Sánchez hai 126 mil parados máis en España, subiu o déficit en 12 mil millóns de euros e hai 20 mil millóns máis de débeda pública. Desafortunadamente isto lémbranos perigosamente ao que fixo Zapatero e que levou a España ao borde da quebra. 

Que todo o mundo teña claro que o PP nunca vai aceptar os votos dun partido proetarra nin vai negociar e xogar coa unidade de España. Por iso, nestas eleccións Pablo Casado é o único valor seguro, o único capaz de evitar un goberno frankenstein que nos volva a poñer ao borde dunha nova recesión, que negocie a independencia de Cataluña e que reviva o sufrimento e a humillación que durante tantos anos xerou a Eta.

Comentarios