Opinión

A urxencia de rexenerar a vida pública

Hai tempo que os españois asistimos atónitos á deriva arbitraria do Goberno de Pedro Sánchez. As rúas de Madrid acaban de ser escenario dunha clamorosa manifestación na que unha gran maioría da sociedade amosou o seu rexeitamento ás políticas do Executivo.

O Goberno, que debe protexer as institucións, leva tempo abusando delas. O deterioro da vida pública en España é froito da xestión de Sánchez. As institucións deben volver estar ao servizo do interese xeral de todos os cidadáns e non só do Goberno.

Hoxe é máis necesario ca nunca recuperar o sentido de Estado e para conseguilo Alberto Núñez Feijóo acaba de presentar un plan con 60 ideas de rexeneración democrática para poñer en marcha nos seus 100 primeiros días de Goberno. As propostas inclúen deixar gobernar á lista máis votada; desvincular o mandato do fiscal xeral do Estado de criterios partidistas e establecer un novo modelo de elección dos directivos de organismos públicos, para non colocar neles persoas afíns tal e como leva tempo facendo Pedro Sánchez. 
O plan tamén propón protexer a Constitución e a unidade de España, e para iso é necesario 
recuperar o delito de sedición, deixar sen efecto a reforma que rebaixa o delito de malversación e tipificar a figura do referendo ilegal.

Ademais, o documento de Feijóo recolle regular a periodicidade do debate sobre o estado da nación e limitar o uso do decreto lei, que a Constitución reserva para casos extraordinarios, pero que Pedro Sánchez utiliza habitualmente limitando o debate parlamentario.

Todas estas propostas están a disposición do presidente do Goberno. Pedro Sánchez debería reflexionar, cambiar unha vez máis de opinión e copiar as ideas do PP, porque a realidade xa nos demostrou que só cando nos copia, acerta.

Os cidadáns acostumámonos a que este Goberno incumpra reiteradamente a súa palabra adoptando medidas contrarias ás comprometidas, pero o PP non actúa así. O documento de Feijóo é un compromiso con España. Un compromiso que vai cumprir, sen ningunha dúbida, cando chegue á Moncloa.

Sabemos que unha política mellor é posible e para alcanzala son imprescindibles institucións sólidas que estean sempre ao servizo dos cidadáns e non sexan, como acontece agora, un apéndice do Goberno. 
Calquera persoa pode compartir as propostas de Feijóo. Son propostas serias e rigorosas que poden ser asumidas por todos os cidadáns que están preocupados pola actual deriva de España.

Comentarios