Opinión

Sánchez debe mudar o rumbo

O INE confirmou que o IPC chegou no mes de marzo ao 9,8%. É un dato económico negativo e alarmante. Pero o peor é que detrás deste dato macroeconómico están as consecuencias que ten para as familias, sobre todo as de clases medias e baixas, a suba desbocada do IPC. Moitos fogares teñen serias dificultades para chegar a fin de mes. Pagar os produtos básicos un 10% máis caro que hai un ano supón un sobre esforzo que moitas familias non poden asumir.

A política económica do goberno non funciona, falla no diagnóstico e nas solucións. Desde que chegou á Moncloa Pedro Sánchez só conseguiu diminuír o crecemento da economía, incrementar exponencialmente o déficit e a débeda pública e xerar unha inflación descontrolada. A propia ministra económica Nadia Calviño viuse obrigada a recoñecer que a escalada inflacionista acadou niveis inaceptables. 

Aínda así, Sánchez prefire mirar cara outro lado, nin sequera se molestou en escoitar as propostas que lle fixo Alberto Núñez Feijóo, que claramente se amosou partidario de baixar de forma inmediata os impostos aos españois. Non é unha receita improvisada, todo o contrario, é unha receita sensata que se basea na lóxica, porque a rebaixa inmediata de impostos como o da renda permitiría que os españois tivesen máis diñeiro dispoñible e axudaría a reducir o impacto da inflación.

De nada serve subir as pensións se non se controlan os prezos, de forma especial os dos alimentos de primeira necesidade, da electricidade e dos combustibles. Moitos españois non poden pagar o recibo da luz e algunhas empresa xa se viron obrigadas a pechar porque non son capaces de cadrar as súas contas. O presidente do Goberno ten que escoitar á sociedade, dixéronllo con protestas os camioneiros e os gandeiros, pero prefire non facer caso. 

Pedro Sánchez ten que rectificar e mudar a súas políticas económicas que nos levaron á maior suba do prezo da luz dos 40 anos da democracia e á maior inflación dos últimos 35 anos. É necesaria unha política económica radicalmente distinta que evite a ruína de España.

Comentarios