Opinión

Rueda, un novo estilo para que Galicia siga avanzando

Alfonso Rueda é xa o novo presidente da Xunta. No seu discurso de investidura dixo que para el era un orgullo ser o presidente de Galicia e eu dígolle que a maioría dos galegos nos sentimos orgullosos  de que o sexa. 

Non acaba de chegar á política, non é un xestor novo nin asume a presidencia para improvisar, accede ao seu cargo despois dunha longa traxectoria. Ten un currículo que acredita a súa valía: serviu durante máis de 20 anos a comunidade autónoma e estivo dende o primeiro día traballando no Goberno de Núñez Feijóo. 

Alfonso, recoñecido amante da bicicleta apaixonado do Camiño de Santiago, comezar agora unha nova etapa na que non vai pedalear só, moitos peregrinos daremos pedaladas ao seu carón para conseguir que todos os galegos sigamos avanzando xuntos. 

É o sexto presidente da Xunta e non teño dúbida de que saberá imprimir o seu propio estilo á comunidade mantendo a senda de éxito iniciada por Feijóo. Comparto as tres prioridades que marcou dende o Parlamento: o traballo, a familia e o futuro, son sen dúbida os eixos central para conseguir que Galicia manteña esa ‘excepcional normalidade’ da que levamos anos gozando. 

Que Galicia continúe á marxe da inestabilidade da política española é imprescindible e non teño dúbida de que Alfonso Rueda será quen de conseguilo. A nosa comunidade seguirá sendo un sitio para todos, unha terra unida e conciliadora. 

A rebaixa do imposto da renda é a primeira medida económica de Rueda, unha medida que vai axudar ás familias que máis o necesitan e que converte a Galicia na segunda comunidade con menos impostos ás rendas máis baixas. 

O novo presidente ten como obxectivo que os que nos sucedan vivan mellor ca nós. Para conseguilo é preciso coñecer as necesidades dos galegos e as fortalezas e as debilidades da nosa terra e Alfonso coñéceas ben. Leva anos xestionando dende a segunda liña e agora colle o mando con forza e ilusión, a mesma que temos posta os galegos nesta nova etapa. 

Comentarios