Opinión

A inflación desbocada, e Sánchez parado

Os datos da inflación do mes de maio confirman dúas cousas que os cidadáns xa sabíamos, que os prezos soben e que as medidas do Goberno non funcionan. O INE acaba de constatar que o IPC do mes pasado escalou ata o 8,7%, unha cifra que nos indica que a escalada non é un episodio pasaxeiro. A inflación en España leva meses desbocada e millóns de persoas teñen problemas para chegar a fin de mes. Se Pedro Sánchez saíra máis á rúa daríase conta das dificultades ás que se teñen que enfrontar diariamente moitas familias. 

Sobe o aceite, a pasta, os ovos, o leite, a fariña… soben os produtos de primeira necesidade que nalgúns casos son xa bens de luxo. A cesta da compra está disparada, os alimentos son agora un 10% máis caros que hai un ano e a vivenda case un 19%. Tamén notamos a suba no gas e na luz, nos tipos de interese e nas hipotecas. 

Alberto Núñez Feijóo xa lle pediu varias veces a Sánchez que acepte o plan económico do Partido Popular no que se inclúen rebaixas de impostos para axudar ás familias e medidas de apio ás empresas. O documento tamén recolle propostas para garantir un investimento axeitado dos fondos europeos que axude a facer fronte á escalada da inflación. 

O Goberno recada máis ca nunca. Hasta maio o Estado recadou vía impostos 13 mil millóns de euros máis que no mesmo período do ano pasado e, malia isto, o presidente do Goberno segue sen facer nada. Non se entende por que non acepta os consellos de Feijóo e devolve parte destes cartos aos cidadáns, sobre todo ás clases medias, a través de rebaixas fiscais. 

Lonxe de tomar medidas Pedro Sánchez segue equivocándose. A crise con Alxeria, un dos socios estratéxicos para España, pon en risco a subministración de gas e o futuro de moitas empresas que dependen das importacións e das exportacións con ese país. Tivo que ser a Unión Europea a que mediara para resolver o problema. 

Sánchez e o seu goberno son un lastre para o crecemento da nosa economía. As previsións apuntan a que España vai ser a última e recuperar a riqueza de antes da pandemia e é xa unha realidade que os españois nos empobrecemos máis que a maioría dos países da Unión Europea. O Goberno pon en risco o futuro de todos nós. Se non sabe actuar debería deixar que outros mellor preparados asuman a rendas do país. 

Comentarios