Opinión

Grazas, Alberto

Este venres Alberto Núñez Feijóo presentou a súa renuncia como presidente da Xunta. Fíxoo logo de trece anos á fronte do Goberno galego. Unha etapa frutífera para Galicia, chea de momentos bos e outros máis complicados que Feijóo soubo xestionar con responsabilidade e valentía. 

Na súa renuncia asegurou estar emocionado pero feliz, dous sentimentos que compartimos moitos galegos. Emocionados por poñerlle fin a unha etapa coa que estábamos satisfeitos e que nos aportaba tranquilidade en momentos de especial incerteza. E felices porque temos a plena convicción de que a senda de prosperidade que vivimos en Galicia se vai trasladar ao conxunto de España. 

A travesía de Alberto Núñez Feijóo comezou en 2009 cunha maioría absoluta que revalidou en tres ocasións. Un fito político que demostra a confianza que os galegos depositaron ano tras ano na súa xestión. Os éxitos electorais non chegan sos, hai que traballalos e iso foi o que souberon facer con acerto Feijóo e o seu equipo. 

Exerceu o cargo con entrega e responsabilidade. Foi leal a Galicia e defendeu sempre os intereses dos galegos, igual que estou seguro que fará a partir de agora Alfonso Rueda. Ningún dos dous, nin Alberto nin Alfonso, estará só nas súas novas andainas, teñen detrás un pelotón que os vai empurrar e que os axudará a acadar con éxito as súas metas. Porque as súas vitorias son tamén as de España e Galicia, porque os seus éxitos van ser os éxitos de todos. 

Feijóo deixa unha Galicia próspera e marcha para ser un referente tamén na política nacional. Cambia de rumbo, para construír unha España mellor para todos, pero mantendo o norte, ese norte que tanto defendeu e que vai seguir defendo. Non teño dúbida de que os intereses de Galicia van seguir sendo prioritarios alá onde vaia. 

Grazas, Alberto, pola dedicación e polo traballo. Grazas por asumir un novo reto, non exento de dificultades. Grazas por volver a poñer por diante os intereses dos demais. Grazas polo feito por Galicia e polo que aínda vas facer por esta terra.

Comentarios