Opinión

Gañou Galicia

As eleccións de hai unha semana non deixaron lugar a dúbidas, os galegos, de forma maioritaria, volvemos confiar en Alberto Núñez Feijóo para levar o temón dunha etapa que será complicada. Galicia apostou pola estabilidade para saír da crise social e económica á que nos arrastrou a pandemia, e estou seguro de que non erramos na elección. 

A vitoria de Feijóo é o triunfo do traballo ben feito, o triunfo da moderación e do sentidiño.Os galegos deixamos de lado o discurso do medo que outros querían inculcarnos e decidimos por nós mesmos. Decidimos que non se xoga co futuro de Galicia, decidimos que non se improvisa en tempos de crise e decidimos apostar por quen antepón Galicia a todo o demais.

Feijóo logrou a súa cuarta maioría absoluta consecutiva e obtivo un resultado excepcional nos tempos políticos que corren

Feijóo logrou a súa cuarta maioría absoluta consecutiva e obtivo un resultado excepcional nos tempos políticos que corren, logrando aglutinar a todo o centro dereita en torno ao PPdeG. Noraboa, Alberto. 

Gañamos nas catro provincias, nas sete cidade e na maioría dos concellos e iso fai que nos sintamos, que me sinta, agradecido e especialmente orgulloso de pertencer ao Partido Popular de Galicia. 

Os galegos demos unha lección de democracia e responsabilidade e amosamos que non había ningún problema en ir votar. Non nos deixamos enganar polos que querían que quedaramos na casa. Votamos e decidimos e fixémolo con responsabilidade, a mesma que debemos ter de aquí en diante para frear o virus. 

O apoio recibido por Feijóo nas urnas vainos permitir ter un goberno que goberne, un goberno sólido e unido, que aprobará os presupostos en tempo e forma e centrará a súa labor en sacar a Galicia canto antes da crise. Cada un dos votos é un motivo para a responsabilidade e o traballo. 
O 12 de xullo os galegos apostamos por un goberno estable, responsable e moderado.que nos permita afrontar con certezas o futuro. Gañou Feijóo, Gañou Galicia e gañamos todos.

Comentarios