Opinión

Feijóo, senador e servidor público

Alberto Núñez Feijóo xa é senador por designación autonómica de Galicia. Os galegos a través da súa representación no parlamento outorgáronlle unha nova responsabilidade como representante na Cámara Alta. Estou seguro de que, igual que o fixo estes anos dende o Parlamento galego, vai traballar con rigor e seriedade para defender os intereses de todos e construír unha España próspera e unida. 

Na súa primeira intervención pública como senador Feijóo dixo que se sentía honrado polo novo cargo e eu dende aquí dígolle que a gran maioría dos galegos vemos con orgullo e esperanza a nova etapa que asume na Cámara Alta. Non teño ningunha dúbida de que un servidor público como Alberto que leva tantos anos defendendo os intereses dos galegos dende Galicia agora o fará dende o Senado, dende a Cámara de representación dos territorios, tan importante para comunidades como a nosa. 

Xunto con Feijóo chega ao Senado outro excelente político e traballador, Miguel Tellado. Os dous son unha magnifica representación dos galegos e das galegas. Son un claro exemplo da política seria e útil, son un exemplo de responsabilidade e bo facer. Estou seguro de que a súa presenza na Cámara Alta axudará a defender Galicia. 

Feijóo dixo que cría no debate serio, sereno, sosegado e construtivo. Demostrouno durante todos estes anos como parlamentario e como presidente dos galegos. A política é xustamente iso, o debate de ideas serio e construtivo na procura dun futuro mellor para os cidadáns. Feijóo é a antítese de Pedro Sánchez e vaino demostrar por primeira vez o próximo día 7 de xuño dende o Senado nese primeiro cara a cara co presidente do Goberno. 

Alberto Núñez Feijóo explicou que asumía a nova etapa con ilusión e co afán de defender a Constitución e a unidade de España e isto é moi importante nun momento no que Pedro Sánchez non deixa de facer cesións aos independentistas. Fíxoo para chegar á Moncloa e agora faino para manterse na presidencia. Un claro exemplo de como poñer os intereses propios por riba dos intereses comúns. Todo o contrario de Feijóo, quen ata agora tivo como referencia Galicia e a partir deste momento  vai ter como referencia España, iso si, sempre sen esquecer os galegos. 

Comentarios