Opinión

A estratexia común de Pedro e Yolanda

Esta semana pasada celebrouse no Congreso a moción de censura de Vox contra Pedro Sánchez, un disparate parlamentario no que PSOE e Vox estableceron, como ben explicou Feijóo, unha «pinza surrealista» coa que pretendían destruír a oposición. Querían, por encima de todo, minar a imaxe de Alberto Núñez Feijóo. Unha curiosa estratexia que deixa en evidencia o déficit democrático de Sánchez e Abascal.

As mocións de censura deberían ser construtivas e esta foi un auténtico esperpento porque, ademais da alianza con Vox, Sánchez estableceu outra con Yolanda Díaz. Presidente e vicepresidenta transformaron o debate nun mitin electoral, un preludio do que veremos nos próximos meses. Pedro Sánchez e Yolanda Díaz orquestraron unha estratexia premeditada para tratar de apuntalar o Goberno de coalición na Moncloa. Sánchez deu un paso irreversible, presentouse en coalición coa vicepresidenta Díaz ás próximas elección xerais.

O día antes do debate Yolanda Díaz desvelou que vai ser candidata á presidencia do Goberno e, na Cámara Baixa, co beneplácito de Sánchez, esbozou as liñas mestras do seu proxecto político. Nunha estratexia medida ao milímetro Pedro Sánchez mesmo lle cedeu parte da súa quenda e Díaz aproveitou o atril para reivindicar os logros da coalición de Goberno.

Sánchez é consciente de que para volver ser presidente necesita reeditar o pacto actual e sabe que para iso é imprescindible a figura de Yolanda Díaz. Por iso Sánchez utilizou o Congreso para potenciar o perfil da vicepresidenta, porque considera que é a única capaz de aglutinar o voto á súa esquerda, un voto necesario para manter a cadeira de presidente na Moncloa.

A estratexia de Sánchez e Díaz non agradou a case ninguén, nin sequera a Podemos, que non se uniu ao aplauso ao discurso de Yolanda Díaz. Presidente e vicepresidenta viron nesta pirueta de márketing político a mellor maneira de reforzar a alianza PSOE-Podemos que leva meses coas augas revoltas e tocando ao seu fin, con múltiples frontes abertas, a máis grave a xerada polas desavinzas dos socios en torno á lei do só si é si.

Que non lle dean máis voltas, que non traten de enganar, Sánchez e Díaz necesítanse un ao outro e puxéronse de acordo para empregar o Congreso como un mitin electoral cun obxectivo común: reeditar a coalición de Goberno nas próximas elección xerais. 

O Partido Popular non comparte esta forma de facer política. Pedro Sánchez saíu ao atril a sobrevivir e Yolanda a lucirse. Os problemas dos españois quedan á marxe.

Comentarios