miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

En defensa dos nosos gandeiros

O ministro de Consumo, Alberto Garzón, volveu demostrar esta semana que non é merecedor do seu cargo. Nunha entrevista nun medio de comunicación internacional ataca de novo ao sector gandeiro afirmando que as macrogranxas españolas exportan carne de mala calidade e de animais maltratados. 

Un ministro non pode facer unhas declaracións tan irresponsables. A carne española nin é mala nin é de animais maltratados. As normas de benestar animal son as mesmas en toda Europa, as máis esixentes do mundo. 

As declaracións de Alberto Garzón poñen en risco máis de dous millóns de postos de traballo e ao cuarto sector industrial español. O sector gandeiro e o agrícola son imprescindibles para a supervivencia de provincias como Lugo. O papel que desempeñan as súas explotacións permite fixar poboación no medio rural e, polo tanto, axudan a mitigar o problema do despoboamento. Mágoa que o Goberno non queira recoñecer esta realidade. 

Pedro Sánchez debe rectificar ao seu ministro e cesalo inmediatamente. E non só llo pide o Partido Popular, tamén destacados varóns socialistas como Javier Lambán ou Emiliano García-Page. Un ataque destas características pon en xaque a toda a industria agroalimentaria, a marca España e as exportacións dos nosos produtos. 

Somos un referente mundial en produción cárnica de calidade, exportamos carne por valor de 9.000 millóns de euros a máis de 130 países. Esta é a realidade, e non a que vende fóra das nosas fronteiras o ministro de consumo. O sector cárnico español merece respecto e merece que se conte a verdade. 

O problema é que Alberto Garzón é xa reincidente nos seus ataques e Pedro Sánchez non fai nada para evitalo. É rotundamente falso que a carne española sexa de mala calidade, de feito o único certo en todo isto é que o Goberno ataca permanentemente ao sector primario co consentimento de Sánchez. 

Dende o Partido Popular non imos permitir que se culpabilice ao sector da carne. En Lugo hai máis de 6 mil explotacións, máis de 6 mil familias que merecen que se valore o seu traballo. Garzón non o fai, e por iso debe dimitir. E se o presidente de todos os españois non é capaz nin de cambiar ao seu propio goberno porque depende de partidos radicais, será el o que deba asumir responsabilidades, porque neste caso tan responsable é quen o di como quen o consinte.

En defensa dos nosos gandeiros
Comentarios