Opinión

O apartheid lingüístico de Cataluña

Parece incrible que en pleno século XXI haxa familias que teñen que sufrir acoso por mor da lingua. Parece incrible pero é real, é o que lle está acontecendo a neno de 5 anos e aos seus pais en Barcelona. A familia pediu que o seu fillo puidese ter polo menos o 25% das clases en castelá, o Tribunal Supremo deulle a razón e deixou claro que todos os centros da Generalitat deben impartir ao menos un 25% das materias en lingua española. 

Isto non gustou aos independentistas radicais que, apoiados polo Goberno catalán, puxeron a súa maquinaria a traballar para acurralar á familia, que está a sufrir unha campaña de odio e ameazas intolerable. 

Cústame crer que haxa quen aínda non saiba que a liberdade educativa está consagrada na Constitución. O ensino bilingüe en España ten sido polémico sobre todo nas autonomías con dúas linguas cooficiais, pero o que está a pasar en Cataluña supera todos os límites do tolerable. 

Se hai 500 millóns de cidadáns que usan o español, como é posible que intenten prohibilo nunha parte de España? Urxe unha actuación contundente; urxe eliminar o sectarismo e a politización da educación

Dende o Partido Popular defendemos un modelo de bilingüismo cordial, como o que temos en Galicia, no que se garante o dereito a que cada quen fale a lingua que desexe e que ambas, as dúas, se poidan aprender na escola. O Goberno de Feijóo promove este bilingüismo cordial, mágoa que en Cataluña o executivo non faga o mesmo. 

Pedro Sánchez debe actuar xa, e facelo con firmeza e, se a Generalitat de Cataluña fai caso omiso da sentenza do TC, debe empregar todos os medios que lle outorga a lei para que a familia do neno exerza os seus dereitos. As sentenzas hai que cumprilas e facelas cumprir. Por iso, o PP xa lle ofreceu ao Goberno o apoio de todos os que conformamos o grupo popular no Senado para aplicar a Constitución. 

Ata onde vai chegar o silencio cómplice do presidente do Goberno cos seus socios independentistas? Sánchez debe darlle amparo a esta familia e actuar contra a Generalitat e os violentos. Se hai 500 millóns de cidadáns que usan o español, como é posible que intenten prohibilo nunha parte de España? Urxe unha actuación contundente; urxe eliminar o sectarismo e a politización da educación.


 

Comentarios