Opinión

A Mariña ten futuro

Os traballadores de Alcoa recibiron unha boa nova que lles permite coller folgos para seguir loitando. O Tribunal Supremo acaba de darlles a razón e declara nulo o Ere que supuña a perda de más de 500 postos de traballo directos. Entende o Alto Tribunal que a empresa actuou de mala fe nas negociacións e que o único que pretendía era pechar a factoría da forma máis rendible posible. 


A batalla gañada polos traballadores é tamén unha batalla gañada por toda a comarca da Mariña, que ten en Alcoa un dos piares fundamentais para a súa supervivencia industrial e económica. 


O Supremo ratifica que teñen razón os traballadores e non a empresa, que quixo aplicar un despido inxusto. É xa o terceiro revés xudicial para a multinacional; antes do Supremo xa se pronunciara o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que primeiro prohibiu cautelarmente o apagado das cubas e despois anulou o Ere. 


Despois da decisión do Supremo o Goberno central ten que pronunciarse, ten que dicir se vai seguir de perfil, mirando cara outro lado ou se vai apoiar aos traballadores e á comarca da Mariña. O Goberno de Pedro Sánchez e a empresa deben sentar para buscar unha solución para Alcoa, para garantir o futuro da empresa. Iso que tanto tempo levan reclamando os traballadores e o Goberno galego. 


Non haberá solución posible ata que exista unha implicación real e efectiva por parte de Alcoa e ata que o Goberno decida asumir a súa responsabilidade. Sen un prezo eléctrico competitivo que faga rendible a produción de aluminio en España non haberá un posible comprador para a factoría de aluminio. E é responsabilidade do Executivo de Sánchez garantilo. Ninguén pode perder o seu emprego como consecuencia dunha transición enerxética improvisada.

 
 Ademais, para afrontar a venda da fábrica con seguridade, o Estado ten que activar todas as ferramentas que ten na súa man, incluída unha intervención temporal a través da Sepi. É imprescindible a implicación do Goberno de Sánchez para facilitar a venda a un comprador solvente, un comprador que garanta o futuro de Alcoa, que é o mesmo que dicir o futuro industrial da comarca. 


A Mariña non sen entende sen unha Alcoa a pleno rendemento e a provincia de Lugo non se entende sen unha Mariña dinámica e próspera. Por iso dende o Partido Popular seguiremos a carón dos traballadores apoiando a súa loita contra os despidos e o peche da fábrica. 

Comentarios